Xoán Bascuas: «Apostamos por rehabilitar vivenda no centro para aluguer»

Xurxo Melchor
xurxo melchor SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Xoán A. Soler

Propón que o Concello negocie cos donos de inmobles abandonados acordos de cesión por 25, 30 ou 50 anos

19 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Fillo de emigrantes en Alemaña, Xoán Bascuas (Rüsselsheim, 1970) retornou ca súa familia a Galicia cando tiña cincoán  anos. Licenciouse en Ciencias Políticas na Complutense e é profesor universitario. Cando militaba no Bloque foi delegado na Coruña da Consellería de Vivenda durante o goberno bipartito. Unha etapa da que se sinte «moi orgulloso, sobre todo por ter contribuído a que a xente que tiña dificultades para acceder a unha vivenda ou que quería rehabilitala tivera a oportunidade de facelo. Foi co BNG e tamén estou moi orgulloso da etapa na que participei naquela organización».

-As enquisas volven situar a Compromiso por Galicia fóra de Raxoi.

-Non, unha enquisa nos sitúa fóra de Raxoi. Non hai máis.

-Tamén está a do CIS.

-Non, a do CIS non o di. O que determina é que hai unha intención directa de voto do 7,7 % no apartado de outros, e eses outros son VOX e máis nós. Non sabemos como se repartirá.

-Non entrar desta volta na corporación sería un fracaso?

-Non poder plasmar as túas propostas políticas dende logo non sería un éxito, pero non chegaría a afirmar que sería un fracaso se hai unha liña evolutiva positiva.

-Nestes anos, algunha vez pensou en retornar ao BNG?

-(Silencio incómodo). É unha pregunta que non ten moita relación ca política municipal.

-Todo ten relación...

-Non o pensei. Nin se me pasou pola cabeza, a verdade.

-Que balance fai do mandato de Compostela Aberta?

-Toda xestión ten as súas luces e as súas sombras e creo que este goberno de CA lamentablemente tivo máis sombras que luces. Así como foi quen de xerar unha importante ilusión e esperanza ao principio, agora mesmo iso virou e hai en certos sectores un grao de apatía importante e noutros mesmo de decepción.

-Pode que CxG reciba parte deses votantes decepcionados.

-Exactamente, mais nós non facemos un chamado a reverdecer un discurso político simplemente esperanzador. Nós facemos propostas sinxelas, factibles e que proceden da propia veciñanza.

-Faléme dalgunha desas propostas.

-A ninguén se lle escapa a necesidade de facer de Santiago un concello moito máis transitable e iso depende de facer un plan de mobilidade no que se teña en conta non só aos veciños de Santiago, senón de toda a súa comarca. Tamén hai que pagar unha débeda histórica co Ensanche, que non ten ningún equipamento social nin cultural e aí está a parcela de Peleteiro que é o lugar onde pode haber un centro de día, un centro de educación infantil, aparcadoiros e tamén un contedor cultural. E, por suposto, prioritario é tamén facer habitable o casco histórico e para iso apostamos por negociar cos propietarios de inmobles abandonados no centro, para que os cedan ao Concello, nós rehabilitalos con acordos de cesión por 25, 30 ou 50 anos e poder facer vivenda en aluguer.

-Trabúcome se digo que en CxG son galeguistas e de centro?

-Si. Nós definímonos sempre como galeguistas, socialdemócratas e progresistas. Xa que logo, se queres poderíamos empregar o termo centro-esquerda. Unha esquerda máis moderada.

-Logo, se entraran, estarían na bancada de PSOE, BNG ou CA?

-Si, claro. Estaríamos máis cómodos no eixo do progreso e do avance social.

«O goberno de Compostela Aberta lamentablemente tivo máis sombras que luces»