Goretti Sanmartín, candidata do BNG á alcaldía de Santiago: «Hai unha decepción moi profunda co proxecto liderado por Martiño Noriega»

Xurxo Melchor
xurxo melchor SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O programa do Bloque ten entre as súas prioridades reducir ao mínimo o tránsito de vehículos polo Ensanche

16 may 2019 . Actualizado a las 13:30 h.

Tras tomar o relevo de mans de Rubén Cela, Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) foi portavoz do BNG en Raxoi no final do mandato. Licenciada e doutora en Filoloxía Galego-Portuguesa, tamén ten experiencia recente de goberno como vicepresidenta da Deputación da Coruña, un traballo do que se sente especialmente orgullosa. «Démoslle unha volta moi grande á institución, pasando de 24 a cen millóns o plan para os concellos, pero sobre todo polo que supuxo de autonomía para eles, que agora poden decidir en que o gastan», explica.

-É vostede experta no Rexurdimento, se non me trabuco...

-Si, si.

-Pois poderá dicirnos se o BNG está a rexurdir, non?

-Pois por suposto! Estamos en remontada clarísima. Hai unha percepción de que o BNG é un equipo sólido, coherente, que temos vertebración en todo o territorio e que non somos unha cuestión puntual que pasa en Santiago, senón que temos esa extensión por todo o país. En Compostela tivemos moi bo resultado nestas xerais, aínda que non lograramos o deputado, pero tivemos unha recuperación de votos moi importante. Hai moita xente que mira ao BNG con simpatía e iso percíbese na rúa. Creo que podemos dar unha sorpresa a nivel de moitos lugares do país e en Compostela tamén.

-As enquisas din que recuperan sobre un 12 % do voto que lles marchou a Compostela Aberta. Iso é máis mérito do BNG ou demérito deles?

-Nós pensamos que é mérito do noso traballo. Hai unha moi boa lembranza en Santiago do que foi o paso do BNG polo goberno local. Dende as nosas concellerías desenvolvéronse moitas políticas de democratización real do Concello, para impulsar a zona histórica e tamén en política cultural e ambiental fomos unha referencia. Creo que a xente garda ese bo recordo, e ademais estamos moi ben valorados polo noso traballo na oposición, porque sempre puxemos por riba os intereses da veciñanza antes que os do propio BNG. Se nós pensamos que era mellor que houbese orzamentos, facilitámolo. Outra cousa é que o mesmo que nos pasou a nós pasoulle a moitos cidadáns, que houbo unha perda moi importante de credibilidade en Compostela Aberta conforme foi transcorrendo o tempo. Porque se de todas as cousas que se pactaron ningunha se cumpre...

-Poña exemplos.

-Desde a inspección dos servizos externalizados das concesionarias a non facer un proxecto piloto para que poida haber actividades extraescolares en todos os centros de ensino, ou a que non se cambie o globo da piscina de Sar ou que non se faga o aparcadoiro no campus sur. Hai cantidade de cousas que puxemos enriba da mesa, que foron aprobadas e que non se executaron. Por iso hai unha perda de credibilidade en Compostela Aberta por parte do Bloque, igual que por parte do resto da poboación.

-Fracasaron as mareas e en concreto Compostela Aberta?

-Hai unha decepción moi clara e moi profunda co proxecto liderado por Martiño Noriega. Faltoulles saber facer diálogo co resto das Administracións. Gobernaron coma se tivesen maioría absoluta e non a tiñan. Precisaban doutros para gobernar e para iso fai falta diálogo. Empezaron coma se fosen cambiar o mundo, e ao final non houbo esa capacidade de xestión.

-Cre que pasamos todo o tempo falando de fochancas e beirarrúas en mal estado e nada de proxectos en grande?

-As cousas pequenas tamén son importantes, pero é que non funcionaron nin as pequenas nin as grandes porque non hai proxecto de cidade e porque a maioría das obras que se fixeron xa viñan do período do PP. Se lle preguntas a calquera en que cambiou a cidade de hai catro anos a hoxe dirá que non hai nada que, polo menos, che indique cara a onde vai ir. Nesas cousas pequenas está que se lle pague aos provedores en tempo ou que a xente non se teña que eternizar cando vai pedir unha licenza. É certo que había problemas estruturais de atrás, pero, se viñeches para cambialo todo, aborda polo menos algún problema estrutural, non? Porque hai xente desesperada polos atrasos en Urbanismo.

«O que está en xogo é a correlación de forzas na esquerda» 

Sanmartín, que hoxe celebra o seu mitin central ás 20 horas no centro sociocultural de Santa Marta, destaca o ben que funcionaron os gobernos PSOE-BNG en Compostela e tamén o máis recente pacto na Deputación. Porén, a nacionalista prefire non falar de momento da posibilidade de reeditar un acordo así con Bugallo en Raxoi. «Nós neste momento aspiramos a nuclear unha alternativa. Temos claro que non vai haber maiorías absolutas e que vai ter que haber un diálogo entre as forzas de esquerda. Nós aspiramos a gobernar e a ser a alternativa, a forza arredor da que se nuclee ese goberno. Despois do 26M, cando a xente fale, haberá que falar e poñer programas enriba da mesa. Dende logo, o BNG nunca vai facilitar un goberno de dereitas. O que está en xogo é a correlación de forzas na esquerda, e nós aí cremos que o Bloque é garantía de que as políticas sexan verdadeiramente de esquerdas e con ese compoñente nacionalista que a Santiago tamén lle fai falla para ter un pouco máis de orgullo», asegura.

-E falando de programas, cales son as súas prioridades?

-É fundamental que a cidade estea pensada para as persoas, e iso afecta a todo. As persoas teñen que ser o centro e despois as persoas que van en bici, o transporte colectivo e por último os coches. Hai que ir a ese modelo que funcionou noutros lugares como Pontevedra, Carballo ou Allariz. A cidade está desvertebrada e estamos perdendo a identidade na cidade histórica, na que só hai espazo para as tendas de recordos e a xente non pode vivir nela. Precisamos un plan diferente de turismo, para desestacionalizalo e deslocalizalo, para que a xente vaia visitar a colexiata de Sar e o castelo da Rocha, que está como está, caendo. Tamén hai que romper a barreira do Ensanche e humanizalo, eliminando ou reducindo ao mínimo os coches, e para iso propoñemos o aparcadoiro do campus, que lle daría servizo.