Cibrán Santamarina: «Vincular os postos de investigación só á universidade é unha aposta miope»

serafín lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O científico lamenta que o tecido industrial do país aínda é reticente a dar emprego a investigadores

05 may 2019 . Actualizado a las 12:53 h.

Se o currículo dun investigador tamén pondera as súas mudanzas, o compostelán Cibrán Santamarina conta coa vantaxe das que tivo que facer para pasar catro anos e medio en Xenebra e outros tantos en Montreal, nos dous casos dentro do experimento Atlas. De volta a Santiago, Santamarina compaxina a investigación no experimento LHCb, tamén do CERN, coa docencia no reputado departamento de Física de Partículas da USC.

-Tense definido vostede como alguén que se senta diante dun ordenador, traballa con programas que calculan moitos datos e que se xunta con outros físicos.

-Pode ser. Dos físicos de partículas que facemos experimentos no CERN espérase que fagas un pouco de todo, dependendo da etapa do experimento. Os experimentosai que construílos desde cero, despois empezan a tomar datos e mantéñense funcionando e incluso se melloran, Agora estamos nunha etapa na que se están mellorando os detectores dos experimentos no LHC, o acelerador máis grande do CERN. Eu formei parte dun dos experimentos, Atlas, que é o máis grande, e despois pasei ao LHCb.

-E pensabamos que co bosón de Higgs xa estaba todo descuberto.

-Gustaríanos ver algo máis alá do bosón de Higgs, pero por agora non parece que aparezca.

-A sociedade impórtanlle moito estos avances, pero tamén que os científicos e os investigadores podan desenvolver ese traballo dignamente. En que condicións están agora?

-Bueno, ás veces nos medios damos unha visión que eu comparto, porque é a dunha persoa que acaba de irse fóra e di que non pode volver. Pero é que non considero que iso sexa un drama. Eu vivín nove anos: catro e medio en Xenebra e catro anos e medio en Montreal. E o noso traballo é tan especializado que non necesariamente Galicia pode abrir tantas prazas como se desexa para que alguén queira colocarse aquí específicamente niso. Pero é que tampouco as hai en España nin en ningún sitio. A nivel mundial, a xente que está traballando en ciencias se está colocando cada vez máis tarde.

-Porque adica máis tempo a súa formación.

-Claro. Cada vez máis xente fai teses e se doutora, e iso require tempo. A carreira académica estase convertendo nunha carreira de fondo. O que pasa é que o número de investigadores en relación á poboación é pequeno. En Galicia temos 3,8 investigadores en I+D por cada 1.000 personas. E en España son 4,7. Habería que crear, como mínimo, un 20 % máis de postos de investigación. E case toda está nas universidades. Habería que pensar en crear postos que non estivesen só vinculados ás necesidades docentes das universidades, porque coa crise demográfica é evidente que imos baixar. Penso que é unha aposta un pouco miope.

-E no caso da USC danse as condicións para que unha persoa que se adica á investigación poda facelo e vivir delo?

-No caso do noso instituto penso que é un dos oasis da USC, porque fumos capeando o temporal con moito traballo, inventiva e iniciativa, e cun liderado moi interesante da dirección do instituto, que encabezan Carlos Salgado e Abraham Gallas, e conseguindo recursos adicionais fóra do que son os plans de financiación máis estruturaris, que son os daba o ministerio e que reduciron no orde do 40 % durante a crise e aínda non remontaron. A porcentaxe do PIB que se adica a investigación é do 1,2 %, e en Galicia do 0,94 %. Estamos como Turquía en Galicia. E na UE o promedio é do 2,l %. España tería que duplicar o que gasta en I+D e Galicia case triplicar. Somos o centro de España que ten máis doutorandos facendo experimentos de LHC, doce. Non me gusta facer publicidade, porque logo pensan que xa estamos ben. Traballas moito para conseguir uns obxectivos con menos recursos e parece que xa hai que relaxarse. Pero para ser competitivos isto ten que ser un continuo.

-Porque sen dotar recursos non é posible reter talento.

-Tal vez máis interesante que reter é atraer. Houbo unha inercia no sistema académico español no que unha persoa doutorábase, dábaselle unha axudantía e convertíase en permanente no lugar o que facía a súa formación. Iso puido ser positivo cando Santiago era unha universidade de provincias. E non hai nada mala niso. Pero sí é bó pasar unha temporada fóra ou que eventualmente se fiche a xente. A Facultade de Física de Santiago é unha boa escola de físicos. O drama é que alguén que se formou e que quera quedar en Galicia non ten opcións atractivas, porque o tecido industrial é aínda refractario a ese tipo de perfís.

«Pedir aquí unha bolsa predoutoral leva sete meses e un grupo inglés pode ficharte en 15 días»

 

 

Cibrán Santamarina critica a falta de dinamismo do sistema de I+D.

-Vostede estivo longas tempadas en Xenebra e Montreal, e voltou a Santiago. Esa experiencia exterior é necesaria na formación?

-Forma parte da formación, pero tamén da experiencia vital. Por exempleo, quitánseche moitos prexuízos sobre a aprendizaxe dunha lingua. E logo hai cousas como o elemento burocrático de traballar legalmente nun país coas que son sensible. Sentínme emigrado, porque tes que ter un permiso para traballar. En Canadá ou Suíza os da UE precisamos un permiso de traballo, por iso empatizas máis coas persoas que buscan un traballo noutro lugar.

-Tal vez non é só reter talento, senón que hai xente que ten que saír por esa incapacidade do tecido galego de darlle emprego.

-Estamos exportando a xente. Non só á que decide quedarse no mundo académico, senón á que decide establecerse doutra maneira. Tamén sería interesante que para as oposicións de secundaria a tese contase máis, porque penso que un profesor que fixo unha tese nun país estranxeiro pode aportar máis ao ensino secundario que outro que non a fixo. Outro problema é que aquí o sistema de I+D é menos dinámico. Pedir unha bolsa predoutoral é un proceso que leva seis ou sete meses, e se unha persoa ten talento pode vir un grupo inglés e fichala en 15 días. Non podemos competir con iso.

-Acabamos entón sendo canteira doutras universidades?

-Un pouco sí. O interesante sería crear un nivel de ocupación no I+D superior e crear máis industria, de maneira que un posdoutorado que se volve non veña co estrés de pensar que vai acabar traballando en algo que non requira toda esa formación que lle demos. Estimamos que formar un doutor en física de partículas ronda o medio millón de euros.