Negreira conmemora cen anos da primeira escola de indianos

emilio forján NEGREIRA / LA VOZ

SANTIAGO

FORXÁN

Estudan crear un museo etnográfico no histórico inmoble da parroquia de Liñaio

28 abr 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

A finais deste ano, o sábado 30 de novembro, faise un século da inauguración da primeira escola de indianos da comarca da Barcala, a da parroquia de Liñaio, promovida pola Sociedad de Instrucción La Moderna de Barcala, cuxos fondos, remitidos polos emigrantes dende Cuba, permitiron construír un inmoble que foi restaurado a finais do 2016.

Con este motivo, onte presentáronse os actos conmemorativos que promove a Asociación de veciños de Liñaio, cuxo presidente, Manuel Ángel Leis Míguez, convidou á veciñanza a ser parte activa da conmemoración. Tamén participou o historiador Amancio Liñares Giraut e o veciño Xosé Antón Romarís, que fixo unha lembranza da historia da escola, ademais do alcalde, Jorge Tuñas Caamaño. Como primeiro acto, descubríronse as bandeiras oficiais e soaron os himnos español, galego e cubano, a cargo do músico Fernando Docampo. O acto rematou cun viño e pan para os asistentes, a semellanza do acaecido na inauguración da escola en 1919.

O programa de actividades inclúe a exposición Luces de Alén Mar, do 15 de maio ao 15 de xuño, sobre as escolas de americanos, cedida polo Consello da Cultura, así como as imaxes recompiladas en Liñaio, e tamén a visita do arcebispo de Santiago, Julián Barrio, o domingo 16 de xuño, para a celebración dunha misa en memoria de tódolos emigrantes da comarca a Cuba.

Un século nun libro

O acto principal consistirá na presentación do libro Os 110 anos da nosa escola. Liñaio en pé, o 30 de novembro, xunto con actuacións musicais e un xantar popular, ademais dunha traca de bombas de palenque e lucería como peche da conmemoración.

A entidade veciñal tamén estuda a posibilidade de crear un museo na planta alta do inmoble: «Estamos vendo a posibilidade de crear un proxecto etnográfico con apeiros e obxectos cedidos polos veciños, para o que veremos a posibilidade de solicitar unha subvención», segundo afirma o seu presidente, Manuel Ángel Leis.

Amancio Liñares Giraut explicou que a iniciativa conmemorativa da primeira escola barcalesa de indianos «é un acto para reivindicar a identidade parroquial, porque A Moderna foi unha sociedade pioneira, cuxo nome obedecía a que alén mar descubriron un mundo máis moderno e quixeron que o progreso chegase tamén a Liñaio».