Teatrofílicos dende hai dezaseis anos

SANTIAGO

Rubén Nieves Ramos (Runi Ramos)

A Asociación Papaventos vén de pechar unha nova edición da súa mostra de teatro amador

06 may 2019 . Actualizado a las 10:02 h.

No corazón mesmo de Vedra bule o teatro. Faino todo o ano, pero especialmente cando a primavera agroma e o aire recende. Aí é cando a Teatrofilia aparece. Leva abrollando xa 16 edicións -a derradeira acaba de rematar- como un xeito de dinamizar o circuíto do teatro amador.

Este ano foron quince compañías as que recuncaron na mostra de Vedra, «que quere combinar o teatro local, o da comarca, co de Galicia» e que se estende ao longo de catro fins de semana nas que ás veces se fan sesións dobres. Explícao Sonia Balado, presidenta da Asociación Cultural Papaventos, na que está tamén Andaravía Teatro. Esta edición que vén de rematar houbo 15 sesións en trece días e tivo como sesión dobre, por exemplo, a tarde infantil, «un imprenscindible no que os actores son as pequenas e os pequenos» das agrupacións teatrais da zona. Teatrofilia ten o seu público. «Hai xente que non se perde ningunha, hai xente que vai seleccionando cando pode ou cando lle vai gustar máis» e os que van só de cando en vez. Este ano achegáronse ao escenario vedrés uns 500 espectadores e na edición anterior, a media foi dun cento de espectadores por día.

«A nosa mostra tamén serve de encontro con outros grupos e experiencias». Programar é a chave para o circuíto, para poder facer intercambios. Todo «grazas a que temos un local, que che permite estar máis dinámico e poderte mover». De feito, este ano houbo compañías de Italia e Portugal.

Andaravía, nestes tempos está máis centrada en crear canteira, en atraer máis adultos e tamén rapazada a través de cursos de iniciación. Houbo épocas de máis dispersión (a vida) pero a diferenza de idade dos participantes mantivo o proxecto estable. Hai quen se afasta para logo volver. A súa última montaxe foi a adaptación de Moito barullo e poucas carolas de Shakespeare autodirixida. Toda unha nova experiencia.