«Balas sobre Broadway» para celebrar 20 anos sobre as táboas

SANTIAGO

cedida

Tolemia Teatro abre hoxe a mostra de teatro da USC, na que participan dez compañías

22 abr 2019 . Actualizado a las 04:50 h.

Soarán tiros este serán no Teatro Principal. A mostra de teatro universitario chega aos 20 anos abrindo fogo con Balas sobre Broadway, unha montaxe de Tolemia Teatro que inaugura un festival no que se darán cita, entre hoxe e o vindeiro 16 de maio, dez compañías teatrais das tres universidades galegas. A maioría corresponden á USC, que repite mañá con Faísca Teatro e O que che contei mentres facías que durmías, e que subirán de novo ao escenario do Principal o mércores con Unha noite de escuras intencións de Artías Teatro.

O ciclo seguirá na sala Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida) o vindeiro 6 de maio, cando a Aula de Teatro Universitaria de Vigo representará Círculo. O día 7 Corifeo Teatro, da Universidade da Coruña, representará Animaliños e Artías Teatro repetirá con Memoria de Helena e María.

Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse da Aula de Teatro Universitaria Maricastaña de Ourense estará no Principal o día 13 de maio e deixará paso o 14 a Aula de Teatro de Lugo con Casa de ilusións. O 15 será a quenda de LaBarata con Solo de triángulo en Re. 2.º movemento 3.ª parte, Allegro (pero non tanto). O peche do programa será Arte de Tra Tra Tra Teatro na Sala Roberto Vidal Bolaño.

Todas as funcións son ás 21 horas e de balde previo paso polo despacho de entradas (aberto dende as 18 horas no Teatro Principal e dende as 20.30 na sala Roberto Vidal Bolaño).