A USC anovará con 9 anos de atraso o seu plan de normalización lingüística

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Só unha de cada cinco horas de docencia na Universidade son en lingua galega

22 abr 2019 . Actualizado a las 11:45 h.

«A pesar de que a sociedade galega vai perdendo o uso do galego, na USC polo menos podemos dicir que resistimos bastante ben ao longo deste 15 anos». É a primeira valoración que Isabel Vaquero, do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade, fai dos datos ao respecto dos usos lingüísticos na docencia neste curso. Algo así como que a USC é unha aldea gala, un reduto especial de conservación do idioma. Con todo, a institución académica compostelá leva nove anos de demora na actualización do seu plan de normalización lingüística. O segundo data do 2001 e tiña vixencia ata o 2010. Agora, unha comisión está traballando na elaboración dunha nova planificación para a normalización da lingua galega, coa intención de aprobalo este mesmo ano.

A USC resiste mentres o galego retrocede cada vez máis no conxunto da sociedade. Porén, se un entra nunha aula universitaria, case de seguro escoitará unha explicación en castelán. Esta é a lingua vehicular no 75 % das horas de docencia da USC; só unha de cada cinco son impartidas en lingua galega. E o inglés segue a ser residual: só o 2 % das horas dos graos son nesa lingua.

O uso do español nas clases foi decrecendo entre o 2003 e o 2008, mentres o galego medraba de xeito paulatino. Logo houbo dous cursos nos que aumentou «de xeito espectacular», case dez puntos. Probablemente sexa unha combinación de factores sociais, de accións na USC e de métodos de cómputo. Neses anos houbo unha serie de medidas que se puxeron en marcha na USC; tamén hai que ter en conta a estatística. A caída coincide coa implantación total dos graos, co que «os xigantes da docencia», como Medicina -a que máis horas de clase ten-, comezaron a computar.

E Medicina é unha das titulacións nas que o uso do galego é minoritario. O Servizo de Normalización Lingüística avalía os datos por departamentos e por categorías do profesorado. O galego, por exemplo, só está presente no 2,76 % das horas do profesorado asociado de ciencias da saúde e Fisioloxía é, xunto con Ciencias Morfolóxicas e Farmacoloxía, un dos tres departamentos onde a presenza da lingua galega, segundo os datos deste estudo, é cero.

No extremo contrario están os departamentos de Ciencias da Comunicación, cun 97 % do horario en lingua galega, incluso por riba de Filoloxía Galega, que divide os seus usos lingüísticos entre galego (73,7 %), portugués (23,5 %), catalán (2,7 %) e castelán (0,04 %). E o corpo docente que máis utiliza a lingua galega é o dos asociados, cun 35 %, e o dos contratados doutores, cun 30 %. «Cando nun departamento ou área apareceu unha persoa que instaurou un xeito de facer as cousas, incluído o perfil lingüístico, ten moita influencia ao seu arredor», explica Isabel Vaquero.

Mentres, o Servizo de Normalización tenta facilitar un uso normalizado da lingua galega e vén de presentar unha especie de vitaminas para os correctores dos procesadores de textos. «Decatámonos de que os correctores ortográficos están pensados para revisar textos de lingua xeral», explica Xusto Rodríguez, do Servizo de Normalización Lingüística.

Así que aproveitando a potencia do seu bUSCatermos deseñaron suplementos de terminoloxía de Dereito e Economía e Empresa. Están xa elaborando un de Matemáticas e o plan é ir ampliando as áreas temáticas destes suplementos para facer máis doado escribir textos científicos en galego.

As diferenzas entre departamentos van dende un 0 % de clases en galego ata un 97 %

Uns suplementos para correctores facilitan a escritura de textos de Economía e Dereito