Un percorrido por un século de compromiso coa cultura galega de Antonio Fraguas

Unha exposición itinerante, que abriu as súas portas na biblioteca Ánxel Casal, achega o legado do homenaxeado o Día das Letras Galegas

A mostra sobre Antonio Fraguas inaugurouse onte en Santiago
A mostra sobre Antonio Fraguas inaugurouse onte en Santiago

Santiago

Un percorrido pola vida, traxectoria e legado de Antonio Fraguas, pero tamén pola historia de Galicia durante o pasado século. Iso supón a mostra itinerante conmemorativa do Día das Letras Galegas, «Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma», que dende hoxe pode verse na biblioteca Ánxel Casal de Santiago.

A exposición, articulada en doce paneis, aborda o compromiso de Fraguas coa conservación e divulgación da cultura galega, incluíndo desde as orixes en Insuela (Cerdedo-Cotobade) ata os últimos recoñecementos na década dos 90. Nese percorrido recóllese a súa formación en Pontevedra, onde entrou en contacto con Antón Losada Diéguez e Castelao, a súa chegada a Santiago e a súa vinculación ao Seminario de Estudos Galegos e as Irmandades da Fala, o seu labor como mestre na Estrada, os momentos nos que foi represaliado, o seu traballo de investigación sobre a cultura galega e o Museo do Pobo Galego e os recoñecementos da súa última etapa. «Foi axente directo e viu a metamorfose de Galicia e España do século XX», destacou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, lembrando que se trata dun percorrido de case un século (1905-1999), que permite difundir «parte da nosa cultura e historia».

O presidente da Fundación Antonio Fraguas, Justo Beramendi, incidiu na importancia de levar os valores do homenaxeado o Día das Letras ao conxunto da sociedade porque «de pouco serve» se queda só nos círculos académicos e intelectuais. Pola súa banda, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, puxo énfase en que Fraguas e a súa xeración se preocuparon «por que non se perdese a memoria dun pobo», e incidiu en que se caracterizou pola «lealdade coa súa propia cultura e lingua». Pola súa banda, a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, salientou a «xenerosidade e a capacidade de traballo insuperable». Na súa intervención, a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra, lembrou o especial vínculo coa cidade, mentres que o alcalde de Cerdedo-Cotobade destacou a contribución para «que o noso país siga tendo unha cultura viva». No acto inaugural desta mostra promovida dende a Consellería de Cultura participaron tamén familiares de Fraguas. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, lembrou que esta mostra está orientada especialmente para aqueles que teñen escasos coñecementos da figura do investigador e escritor.

Ata final de ano, a exposición «Antonio Fraguas, memoria dun soño» chegará a unha ducia de localidades. Ademais de Santiago, poderá verse en Arteixo, A Coruña, Celanova, Cerdedo-Cotobade , A Estrada, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e no pazo de Trasalba (Amoeiro).

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Un percorrido por un século de compromiso coa cultura galega de Antonio Fraguas