Xusta, Zëndar, Nao e Dios ke te Crew enchen o festival Millarock

La Voz

SANTIAGO

cedida

O Concello de Ames organiza para o 2 de agosto o concerto para promocionar a música en galego de grupos da contorna

13 abr 2019 . Actualizado a las 12:07 h.

O festival Millarock fai nove anos cun programa que mestura retornos, despedidas e tamén novas apostas da música das terras de Compostela, xa que o cartel deste ano está formado por Xusta, Zëndar, Nao e Dios ke te Crew. Actuarán o 2 de agosto, abrindo co seu concerto as festas desta localidade.

Na presentación da cita musical participaron onte o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil; Francisco Gómez Seijo, de COPRA Contrataciones y Producciones Artísticas; o batería de Nao, X. Ramón Iglesias; Laura Romero, de Zënzar; e dous dos integrantes de Cuarta Xusta, Alberto García e Marta Sánchez.

Esta edición será especial para o grupo Nao e os seus seguidores, xa que o do Milladoiro será un dos seus últimos concertos, despois de trece anos de traxectoria. Na festa amesá farán un percorrido polos seus temas máis coñecidos e os que forman o seu último traballo, Ata que o lume se apague. Zënzar, banda xurdida no ano 1988, agora está formada por Manolo García, Xosé A. Bocixa, Mario Grela, Paco Cerdeira e Laura Romero. Pola súa banda, Dios ke te Crew retorna á escena musical despois dun retiro. Os ordenses Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock manteñen a súa aposta musical que mestura rock, jazz ou funk e ironía nas letras. O cartel de Millarock incorpora a Cuarta Xusta, de Melide, integrado por Marta, Lúa, Alberto, Alba e Aida, que pasaron das versións a temas propios.