Paixón pola democracia, paixón por Compostela

SANTIAGO

07 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Podo asegurar que a democracia nacía envolta nunha luz dourada, como o desexo de todo un país con fame de liberdade. Palpábase nas rúas. Unha xeración de cidadáns transmutados en políticos nos incorporamos a aquel desafío, enfeitizados polos veciños que nos empurraban. Quizais non houbo na historia de España outro momento de total simbiose entre representantes e representados.

Eu era un arquitecto novo que o comité executivo socialista decidira elixir como candidato en vez do histórico Alejandro Otero. Para preparar o programa percorremos todo o termo municipal durante un ano. De aí resultou un libro cun título suxerente, A cidade, unha casa para todos. Algún día publicareino, porque preludia o que logo se desenvolveu en Compostela, Bonaval, por exemplo. Pensabamos inocentemente que a súa presentación ía derivar nun bo resultado electoral, pero foi decepcionante, só tres concelleiros: Manolo Ramallo, Marimí Rodríguez e mais eu. Produciume un breve baixón, apenas uns días.

As eleccións deixaron unha corporación de difícil xestión, pero houbo a sorte de ter un alcalde como Souto Paz que deu xogo a todos e propiciou un goberno de concentración. Ao pouco tempo uns e outros decatámonos de que aquela dereita non era dereitona, e eles déronse conta de que a esquerda non eramos puro roxerío.

Puxémonos mans a obra, como un servizo de urxencia con listas interminables de necesidades. Os cidadáns demandábannos ser xestores das carencias e, ademais, era fundamental favorecer a implantación da autonomía nunha cidade que ía ser elixida como capital de Galicia. Tan pronto empezamos a desenvolver a xestión, diante do tempo para parlamentar foi poñéndose o tempo para gobernar, o tempo dos veciños, o tempo de Compostela, citando a García-Bodaño.

As ganas de expresarse levaban por veces a debates excesivos, cuns plenos e permanentes longos dabondo, nos que destacaba a prudencia do secretario José Cortizas. Despois da confrontación procurábase o encontro amistoso, por riba incluso do ideolóxico, arredor dun viño reconciliatorio. A palabra, unha vez máis, valía tanto para manifestar a distancia como para aproximarse.

Logo houbo tambores de inestabilidade no goberno e os socialistas asinamos un acordo político co alcalde que permitiu sacar adiante o primeiro plan de investimentos, porque o importante era Compostela. O 23 de febreiro de 1981, diante do intento de golpe de estado, os membros da corporación non nos agachamos, mantivémonos ergueitos, reunidos no Consistorio arredor do alcalde, a risco e ventura, defendendo a Constitución.

Todos, concelleiros de UCD, Unidade Galega, Coalición Democrática, PSdeG-PSOE, PCG e BN-PG, compartiamos unha cousa: a paixón por Compostela.