Fernando Lacaci: «Queremos recuperar máis democracia e participación nos centros de ensino»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

«É unha prioridade evitar casos de acoso escolar, que supoñen un fracaso para toda a comunidade educativa», afirma o novo presidente da Confederación de Anpas Galegas

31 mar 2019 . Actualizado a las 10:04 h.

«Somos 330 Asociacións de Nais e Pais do Alumnado (ANPA); 41 da Federación de Santiago e as outras da Costa da Morte, Ferrol, Vigo, Val Miñor, O Morrazo e O Condado. Aumentan un 5 % cada ano, pola maior complexidade dos requirimentos formais e organizativos que esixen as asociacións. E nós traballamos para que as estruturas das ANPA garantan tamén a transparencia dos procesos e a democratización na toma de decisións», afirma Fernando Lacaci. Recentemente asume a presidencia da Confederación de ANPAS Galegas «unha responsabilidade que será compartida co vicepresidente, Xosé Antón de la Fuente, da Costa da Morte», avanza. Fernando comezou como presidente da ANPA do colexio de Fontiñas en marzo do 2009; despois da Federación de Santiago desde maio do 2011; e vicepresidente da Confederación hai 5 anos, desde o inicio.

-Que prioridades teñen?

-A primeira, queremos recuperar máis democracia e participación nos centros de ensino. A Lomce restrinxiu as competencias do Consello Escolar dos colexios, onde antes había un maior equilibrio. Esta nova lei provoca descoñecemento e desconcertos, nas direccións e en xeral na comunidade educativa, hai mesmo conflitos entre a competencia efectiva e a competencia moral.

-Por que eses conflitos?

-En boa parte porque esa lei foi aprobada a toda carreira e non implantada de xeito correcto; cando caeu o ministro comezou a haber mudanzas e problemas de aplicación, por exemplo sobre as reválidas ou a adaptación dos currículos; hai unha sensación de transición, de espera por una nova lei educativa que nos prometeron e que cree estabilidade. A situación actual non é boa.

-Sería boa una Lei de Educación galega ou crearía máis confusión?

-Defendo que unha Lei de Educación galega atenda as especificidades que temos, que as hai.

-Que especificidades?

-A maiores das evidentes da lingua e a cultura propias, a Xunta ten transferida a xestión e ten competencias sobre parte dos currículos. E hai aspectos organizativos que se deben regular aquí, como os horarios, ou a diferente consideración das festas do ano, entre outros. Esa lei tamén debería contribuír para que nos queiramos máis como país, axudar a solucionar problemas da xuventude ou favorecer o asentamento da poboación; para termos máis cariño polo propio, non para a exaltación imprudente.

-Que proxectos ten a Confederación para o próximo curso?

-Hai dous nos que insistiremos especialmente. Primeiro, que se coñezan ben os protocolos educativos que están en vigor nos centros, como os de absentismo escolar, atención educativa domiciliaria, atención temperá, identidade de xénero, intervención do risco suicida e outros, e que se teñan ben en conta. E pensamos facer unha campaña sobre o acoso escolar.

-Preocupa moito o acoso?

-Si, é unha prioridade evitar casos de acoso escolar, que supoñen un fracaso para toda a comunidade educativa. Entendemos que as diferentes modalidades de acoso están a ser mal tratadas e en ocasións mesmo conscientemente ignoradas, pois admitir o acoso supón admitir que algo estamos a facer mal como sociedade. Por iso, moitas veces hai casos que se negan nas situacións iniciais e só se atenden cando resultan moi evidentes; e ten que ser ao contrario: atender os primeiros síntomas para evitar que se produzan situacións realmente graves. E iso pretendemos.

«Os comedores son unha oportunidade agora perdida para mellorar a saúde»

O comedor é o servizo ao que dedicou máis esforzos a Federación de ANPA de Santiago, e tamén a Confederación ANPAS Galegas. Hai modelos diferentes de xestión e Lacaci afirma convencido que «os comedores son unha oportunidade agora perdida para mellorar a saúde e avanzar para unha mellor educación».

-Por que o valora así?

-Desde a sanidade están a insistir en problemas da nosa sociedade, como a obesidade, por un modelo de consumo errado, sobre todo alimenticio. O comedor escolar debía servir para reverter esa situación, para ensinar a alimentar, para que o alumnado coñecese os alimentos locais de cada tempo do ano e promover unha nutrición saudable. E o modelo de cáterin dos comedores que xestiona a Xunta, ou o Concello de Santiago, non contribúen para esa mellor educación. En Santiago defendemos que se avanzase cara a un modelo alternativo, máis próximo, máis pequeno; que cada colexio deseñe o seu propio comedor; e non se fixo nada diso.

-Que posición van ter cos bancos de libros?

-Un ensino gratuíto debe incluír os libros de texto, o material escolar e máis actividades, en primaria e na ESO. Hai relatorios do Valedor do Pobo ou do Consello de Estado que así o indican tamén. Demandamos un modelo de gratuidade universal; non somos partidarios de que as ANPA organicen bancos de libros, aínda que entendemos situacións particulares de moitas familias que colaboran.

-E as actividades extraescolares?

-Debe haber máis oferta das Administracións polas tardes, sobre todo dos Concellos, e o de Santiago é hoxe o peor nese ámbito. As ANPA non somos fornecedoras de servizos, non temos competencia nin formación para iso; a nosa función a prol do ensino público é outra.