Salvador Ramón Forján: «O Obradoiro foi, no seu día, o mellor patio de recreo do mundo»

Patricia Calveiro Iglesias
p. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Este conxista di que o barrio «perdeu moita identidade e tería que ser máis do que é»

18 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar de Salvador Ramón Forján Lourido e non facer mención de Conxo é case que un sacrilexio para el, que se sente «moi picheleiro, pero máis conxista». É o barrio onde creceu e «onde foi o banquete famoso, por onde pasa o Sar e naceu Rosalía de Castro», sinala. Por pouco, non o fixo tamén el, pero a súa nai logrou chegar ao hospital Xeral polos pelos.

Aínda que xa peitea canas, segue conservando algo dese neno traste que estudaba no Colegio de San Jerónimo, hoxe pazo de San Xerome. Conta que tivo o privilexio de xogar no Obradoiro, que «no seu día foi o mellor patio de recreo do mundo». Recorda con especial cariño ao seu profesor de historia, Santiago Mayer, o cal lle ensinou que «hai que levantar a cabeza para pasear por unha cidade como Compostela, non só por orgullo, tamén para non perderse todo o que ofrece». Lembra que sendo cativo, de camiño a casa, as mulleres que vivían no casco antigo de certa idade que non podían baixar as escaleiras da casa chamaban por un dende as súas ventás. «Era xente humilde, que trataba de falar contigo, para pasar o rato porque non podían facer outra cousa», indica o responsable das estruturas escénicas do Centro Dramático Galego (CDG). «A zona vella non era só de ricos. Agora hai que ter cartos para poder vivir e asumir todos os gastos de mantemento», engade, ao tempo que lamenta a involución de Conxo: «Perdeu moita identidade, tería que ser máis do que é».

Forján asegura que non foi ata os 12 anos cando tivo claro que quería ser de maior, botando unha man ao seu pai. El era albanel e traballaba nas montaxes escénicas do Teatro Principal baixo as ordes do señor Ricardo, xefe de tremoias. Alí, na Rúa Nova, con entrada libre entre bastidores, descubriu un mundo novo e atopou a súa vocación. Detrás do escenario, nun segundo plano, pero xogando un papel fundamental.

Teatro só no verán

«Antes non era como agora. Só había teatro en Santiago no verán. As compañías viñan moi de vez en cando, igual que esperabas seis meses para ver a última película estreada en Madrid», comenta este picheleiro, cinéfilo empedernido, que como mínimo ve unha ou dúas proxeccións á semana. Repasa mentalmente aquelas salas (en plural) da súa xuventude. A do Avenida, o que máis preto tiña, o Principal, Salón Teatro, a Yago, o Capitol -ademais de acoller obras, tamén eran cines-, o Metropol, o máis grande que había... Fanático da Guerra das Galaxias, nunca esquecerá a primeira entrega da saga no Capitol. «Non contabamos con que fora tan espectacular», di Salva, que procura ver cantas películas españolas pode -e as poucas que saen en galego- para apoiar ao sector.

O maior de dous irmáns (a pequena é muller) fixo unha FP por obriga porque, aínda que sempre foi unha persoa curiosa por coñecer canto o rodea, estudar non era o seu. Con 16 comezou a traballar oficialmente no Principal e «logo fun rulando por aí, a farándula é así», incide. Estivo en Madrid, volveu ao espazo onde se iniciou no oficio e acabou no Salón Teatro, onde leva xa máis de 30 anos.

¿Anécdotas? Ten para parar un carro, empezando por aqueles panos de antes «nos que eramos nós o contrapeso. Subían e baixaban a pulso. Téñome tirado moitas veces dende o estrado para correlo, facendo caída libre. Hoxe, aínda estando mecanizado sigo enganchando o telón para baixalo». «O máis bonito é que cada día é diferente», di o técnico escénico, satisfeito da piña que teñen feito para formar un «equipo colaborativo. O peor que podes facer é burocratizar o teatro», sinala.

Forján, garda especial recordo da obra O enfermo imaxinario, polo «ben que quedou, o público e o longo percorrido que tivo». Co CDG viaxou por media España e Portugal e nestes anos forxou amizade con multitude de actores, moitos da vella escola (Xosé Manuel Olveira, Ernesto Chao, Mabel Rivera, Morris...), pero tamén cas novas xeracións «que están agora traballando e loitando, ás veces dándolle paus».