A poesía resoará no Principal tres días

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

cedida

A segunda edición do festival poético reunirá a máis de medio centro de creadores entre o 21 e o 23 de marzo

14 mar 2019 . Actualizado a las 23:11 h.

Trescentas bombas de palenque anunciarán o vindeiro xoves o inicio da segunda edición do Festival de Poesía para Corpo Principal Alguén que respira! para que «os nosos oídos se empecen a abrir e retumben os nosos corazóns». Máis de medio cento de voces -haberá poetas, músicos, actores...- tomarán o Teatro Principal ata o día 23 coas súas propostas, que van máis alá dos recitais, incluíndo tamén conversas, actividades ligadas á improvisación e a oralidade, así como iniciativas poéticas que permitirán achegarse a diferentes espazos do Principal.

Esta segunda edición do festival ten destacados nomes propios, como o chileno Raúl Zurita, a brasileira Elisa Lucinda, así como Xosé Luis Méndez Ferrín e Alejandro Palomas, entre outros. Tamén destaca o reencontro de Ronseltz -«que desde os anos 90 nin se falaban», afirmou o director artístico do programa, Antón Lopo- ou o regreso de Pilar Pallarés. Ademais, participará un dos referentes no rap, Hard GZ, que ofrecerá un programa especial para o festival.

Precisamente, as propostas específicas para esta segunda edición é unha das cuestións máis destacadas xa que o festival, que organiza a Concellería de Acción Cultural en colaboración coa Consellería de Cultura, tamén pretende ser «motor de creación», afirmou Lopo. Nese senso, haberá nove estreas, entre elas, as que levarán a cabo Margarita Ledo, Mónica Caamaño, Alfredo Rodríguez, Ana Romaní e Silvia Penas.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, destacou que se trataba dun festival ambicioso no que participarán «voces de excepcional calidade». Ademais, expresou o seu desexo de que o festival se consolide. Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, resaltou a regueifa e a improvisación poética como dous xeitos de achegar a lingua galega. «É un ámbito interesantísimo para a promoción entre os mozos», afirmou durante o acto de presentación desta segunda edición do Festival de Poesía.

Entre as actividades principais da xornada inicial atópase a primeira reunión ao completo do colectivo Ronseltz, cos cinco integrantes do grupo caracterizado polo uso do humor e a ironía. Tamén se celebrará un recital a cargo de Méndez Ferrín, Pilar Pallarés, Estevo Creus, Golgona Anghel, Sònia Moll e José Luis Piquero. O acto terminará con Raúl Zurita.

A segunda xornada, o día 22, estará dedicada á oralidade, cun slam, unha sesión de bertsolaris vascos e un recital de propostas que mesturan a música e a poesía. No seu último día, o festival achegará os recunchos máis inaccesibles do Principal. Será unha xornada na que tamén se presenten novas propostas e o peche será cun recital no que participará Hard GZ, entre outros.

As entradas para asistir ás actividades do festival son de balde e poden retirarse no Principal a partir do día 19.