Anxela López: «Quero decidir a hora á que me levanto ou a onde vou sen depender de favores»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A presidenta de Vida Independente en Galicia lamenta os estereotipos sociais: «Séguennos chamando persoas dependentes»

14 mar 2019 . Actualizado a las 07:40 h.

«Non precisamos ser coidados, queremos decidir e controlar as nosas vidas tal e como fai calquera cidadán». Con esta rotundidade fala Anxela López Leiceaga (Santiago, 1977), que preside, en Galicia, Vida Independente, un movemento que loita polos dereitos humanos das persoas con diversidade funcional, «non só das que precisan cadeira de rodas». O seu fin é procurar a liberdade, a igualdade e a dignidade humana. «É a alternativa -explica- á institucionalización forzosa, unha entidade autoxestionada onde todos os membros necesitan apoios para desenvolver as actividades da vida diaria».

O colectivo celebra hoxe un acto, no que se proxectará o documental Defiant Lives, presentado pola catedrática de Comunicación Audiovisual da USC Margarita Ledo, ao que seguirá unha mesa redonda moderada polo actor Quico Cadaval, na que participarán dous membros de Vida Independente Galicia -José Antonio Nóvoa e Juan José Maraña- e o experto en movementos sociais Xosé Cuns. «O documental transmite a loita polos dereitos humanos en primeira persoa. Con testemuños dos propios protagonistas, conta como xurdiu o movemento para sacar ás persoas das residencias e da institución familiar», segundo indica López. A sesión é de entrada libre e desenvolverase esta tarde, ás seis e media, na Casa Jimena y Elisa Fernández de la Vega, na rúa das Casas Reais, número 8.

Anxela denuncia que a asistencia persoal non se promove «ao mesmo nivel» cós centros residenciais: «Estamos baixo un modelo médico-rehabilitador que segue a tratarnos coma enfermos e suxeitos de caridade. Séguennos chamando persoas dependentes, con outras persoas controlando as nosas vidas. Por exemplo, a reivindicación feminista trátase como un asunto de igualdade, mentres que no noso caso tómase como unha carga social, non como unha cuestión de dereitos humanos». Lamenta que as persoas con diversidade funcional non poidan ter unha vida plenamente independente, porque non dispoñen dos «recursos humanos necesarios», a través dun asistente persoal, para poder controlar a súa vida. «Quero decidir a hora á que me levanto, a onde vou… sen ter que pedir favores a ninguén nin estar a expensas de que a miña familia teña que atenderme».

Malia que hai un ano foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei, polo de agora non se ve que exista «vontade política» para poñer en marcha un sistema de asistencia persoal «digno» que garanta a vida independente, advirte. «Das Administracións públicas -agrega- conseguimos só 30 horas de asistencia semanal con copagamento, penalizando ao usuario que traballa, condenándonos a vivir na pobreza se queremos manter esa asistencia persoal, que non chega para cubrir as necesidades vitais da persoa». Ademais de reivindicar a xestión da súa vida, sen necesidade de «someterse ás directrices» dunha residencia nin «depender da boa vontade» da familia, estas persoas tamén reclaman o dereito á asistencia sexual: «Este tema está moi verde. Se non tes acceso ao teu propio corpo, non estás en igualdade de condicións; o teu corpo é o primeiro que tes que coñecer e tes dereito a gozalo. É algo esencial e básico para a túa autoestima, calidade de vida e benestar físico e psicolóxico. Non vivir castrado».

López Leiceaga bota en falta que os políticos traten a diversidade funcional -«o termo discapacidade tamén implica discriminación»- como unha cuestión de dereitos humanos, e que se fale de igualdade, liberdade e dignidade, tal e como se fai con outros colectivos discriminados: «Deixar de ser dependentes para ser independentes». Anxela é unha activista que soña con que ningunha persoa se vexa abocada a ir a un centro residencial en contra da súa vontade, e tamén con que as cidades conten con toda a diversidade humana.