Soledad Felloza: «Os contos falan de nós mesmos»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

cedida

O Festival Atlántica arranca hoxe en Santiago cos primeiros tres espectáculos

12 mar 2019 . Actualizado a las 16:03 h.

O Festival Internacional de Narración Oral Atlántica inicia hoxe a súa sétima edición con tres espectáculos en Santiago. Comezarán Laura Escuela (Tenerife), na aula de pediatría do Clínico, e Pep Bruno (Guadalaxara), na libraría Follas Novas. Ambos os espectáculos serán ás 18.00 horas. Pola noite, para rematar esta primeira xornada, chegará a función Por unha peseta, da compañía galega Apatacón, no local Borriquita de Belém (21.00 horas, 6 euros). Pero, de novo, o festival dirixido por Soledad Felloza, que se desenvolverá ata o día 23 de marzo, estende as súas fronteiras e, esta vez, chegará a dezaseis concellos galegos e tamén se espalla por diversos puntos composteláns.

-Seguen medrando en territorio, ten fronteiras Atlántica?

-Non, porque este é un festival de orzamento moi baixo, pero, ao traer a artistas doutros países, implica un desembolso económico que concellos pequenos non poden asumir. En cambio, traballando así en rede, é posible. Mentres o equipo poida desenvolver con calidade, seriedade e responsabilidade o traballo, Atlántica vai chegar a todos os sitios que nos chamen. Isto vainos permitir medrar.

-Nesta edición seguen incorporando propostas: contos para cans, orella a orella...

-A narración oral, ás veces, vinculámola simplemente coa tradición oral, cunha maneira de contar, pero está en permanente evolución. Aínda que desde Atlántica potenciamos os espectáculos onde a palabra é a protagonista, tamén somos sensibles a distintas cousas que están pasando a nivel mundial. No caso dos contos de orella a orella, é unha técnica que leva moitos anos polo mundo adiante e decidimos agregala no festival dentro desa performance que queremos facer de recuperar o espazo íntimo do conto, de contarnos dunha persoa a outra. Entón, coa axuda de moitos establecementos da zona vella, aproveitamos que a xente estea paseando para achegarnos a eles. O dos cans é un espectáculo de sensibilización. Tamén está a incorporación de Leilía na gala inaugural (mañá) nun espectáculo de narración oral. Celebramos os contos que se cantan e os contos que se contan.

-O público xa sabe o que lle agarda en Atlántica?

-Aínda hai xente que confunde os contos cos monólogos e cos chistes. Aínda temos moito traballo, por iso estamos moi preocupados pola difusión de Atlántica nas novas xeracións e por mostrar que os contos non son para nenos e nenas, senón que tamén son para adultos e adolescentes, para os mozos e as mozas. Por iso, durante toda a semana que estamos en Santiago, hai propostas para todas as idades, desde bebés ata 99 anos, porque este ano temos un encontro para a terceira idade. Hai xa un público fiel, pero aínda hai moita xente que non nos coñece.

-Destaca que o conto non é o mesmo que un monólogo.

-Quen vaia escoitar contos vai escoitar historias de vida, de fantasía, literarias... Vai atopar a unha persoa capaz de crear un universo e, dentro dese universo, si hai cabida para o humor, pero non é un chiste-unha palabra.

-Hai artistas de diferentes puntos, ata dende o Xapón. Que é o universal no conto?

-A busca das historias que falan de nós mesmos. O que contamos, existe; se non o conta ninguén, desaparece. A través dos contos, contámonos a nós mesmos. Temos esa necesidade de contar para que as cousas existan.

-E iso polo que enganchan?

-Si, os contos falan de nós mesmos, do que sentimos, do que viviron os nosos devanceiros. Pero tamén penso que ten que ver coa pausa, con mirar aos ollos a outra persoa. A gran diferenza nos contos é que cando alguén está contando unha historia estao facendo para ti. Iso, no mundo actual da tecnoloxía, é algo imprescindible.