Xaquín Mato: «Sempre tiven a idea de que o Ensanche fose un barrio, o que non se conseguiu»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Lamenta que «nunca» se fixeran «cousas eficaces» para dinamizar a zona nova

06 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás cinco da mañá estaba no quiosco para empezar o reparto de xornais por distintas zonas da cidade. Desde que se xubilou hai un par de anos, Xaquín Mato Castro (Canduas, Cabana de Bergantiños, 1950) dorme máis, aínda que é «moi raro» o día que non esperta ás catro e media, «pero que felicidade poder seguir na cama». Foi o impulsor da asociación de veciños do Ensanche, Raigame, que se creou nos anos oitenta para combater o «trapicheo e mal ambiente» que había na Rúa Nova de Abaixo. «Cando foi a época da droga paseino moi mal, mesmo tiven ameazas. Chegaba á tenda e había notas tiradas por debaixo da porta. Nunha dicía ‘‘te vamos a cortar el otro brazo’’. Menos mal que, daquela, me axudaron moito o comisario Avelino de Francisco e o inspector Antolín», segundo conta, rememorando aqueles tempos tan difíciles nos que ás asembleas veciñais asistían trescentas ou catrocentas persoas, xuntanzas que se facían na antiga Aula de Cultura da Carreira do Conde, hoxe pechada.

Logo dunha vida entregada ao comercio e ao asociacionismo, Xaquín é agora presidente de honra de Raigame, pero segue colaborando coa asociación: «Hoxe os problemas son os ruídos nocturnos e o botellón. É normal que na rúa Alfredo Brañas estean enfadados, porque aí moléstase moito. Na Rúa Nova de Abaixo temos problemas co botellón no número 10, que estamos procurando solucionar; e nas galerías dos números 27-29 hai indixentes que dormen aí, así que andamos a intermediar entre eles e os poderes públicos». Tamén lembra que coa movida dos noventa os taxis non entraban na rúa a partir dunha determinada hora, «pero era distinto de agora, porque chegaban as dúas ou as tres e desaparecía todo, mentres que hoxe hai xente ata as seis ou sete da mañá», sinala.

Xaquín Mato lamenta que a zona non dispoña dun auditorio ou recinto para facer actividades relevantes. «Conseguimos o centro sociocultural -engade-, pero non temos un espazo en condicións para facer un espectáculo. O outro día tivemos que facer o concerto de Amancio Prada na igrexa de San Fernando. E grazas ao párroco, que cedeu o templo e foi un anfitrión fabuloso. Tamén son insuficientes os parques, precisamos máis espazos para os rapaces. Outra cousa que se debería ter en conta, antes de humanizar ou arranxar rúas, é habilitar prazas de aparcamento alternativas».

En perspectiva histórica, o directivo veciñal lamenta que «nunca» se fixeran «cousas eficaces» que dinamizasen a zona nova de Santiago: «Moitos estudos e plans, xuntanzas interminables, charlas técnicas… pero resultado, ningún. Eu non o vexo».

Xunto coa actual directiva, que preside Xosé Manuel Durán, a asociación busca unha nova identidade. «Sempre tiven a idea de que o Ensanche fose un barrio, algo que non se conseguiu. Se agora somos quen de reorganizarnos arredor do proxecto que vimos de lanzar para converter a praza de Vigo na praza de Rosalía de Castro sería un grande avance. Á parte de dignificar a praza, pode converterse nun punto de atracción turística».

A súa filla María púxose á fronte do negocio familiar logo da xubilación de Xaquín: «Quedei contento cando me dixo que quería coller a tenda, aínda que tamén é un traballo moi escravo». Abrira o quiosco en 1980 e, no 2015, baixou a un local moito máis amplo para dar cabida ao crecemento da sección da papelería. «Recordo cando a finais dos oitenta pagabámoslles doce mil euros (dous millóns das pesetas daquela) a dúas distribuidoras de prensa». Mais agora a súa ansia é ver, cada día, á súa neta, Daniela.