Celia Besteiro: «Hai unha bagaxe de formación persoal que non ten por que estar nos papeis»

Xa foi vicerreitora hai unha década e recoñece que o que marcou o cambio nese tempo foi o plan Bolonia


santiago / la voz

Natural de Lugo, licenciada en Bioloxía, doutora en Ciencias Biolóxicas pola USC e profesora na Facultade de Veterinaria de Lugo, Celia Besteiro xa foi vicerreitora con Senén Barro, pero non teñen nada que ver nin as funcións nin os tempos. Daquela responsabilizouse de Infraestruturas, e agora, de Organización Académica; e nin sequera estaba implantado o plan Bolonia. Ese foi o cambio que máis notou.

-Isto non é novo para vostede.

-Non, pero é distinto. Son contidos distintos e responsabilidades distintas.

-Por que aceptou volver á xestión logo de dez anos?

-Antonio López chamoume cando a maior parte do equipo estaba configurado coa idea de darlle visibilidade ao campus de Lugo. Por iso me propuxo unha vicerreitoría transversal que tivera que traballar practicamente con toda a universidade, e Organización Académica, como o seu nome indica, xestiona a organización académica de cada un dos cursos e ten que entrar en contacto con centros e departamentos; e iso obriga a mirar un pouco cara a Lugo, que era o que eu entendín que el pretendía.

-Custoulle tomar a decisión?

-Foi sen anestesia. Non tiven tempo para pensalo, pero educáronme en que se tiña algo que aportar, o meu deber era facelo.

-Corren risco de supresión algunhas especialidades de Lugo?

-Niso traballa o vicerreitorado de Titulacións e o campus de Lugo, incluso coas propias entidades de goberno da cidade, pero penso que se xerou unha alarma sobre un asunto que non está pechado. A última decisión depende da Secretaría Xeral de Universidades, pero a USC traballa na liña de manter todo o posible as titulacións que xa están presentadas.

-Que pasa no campus de Lugo, son titulacións menos atractivas?

-Creo que Lugo como cidade é atraínte e está moi coidada, pero é de visita dun día. Lugo quedou descolgado no sistema de transporte de viaxeiros, e creo que iso está afectando ao campus.

-Xestiona o Centro de Linguas Modernas. É consciente Santiago do valor que ten aí?

-Creo que a Universidade si; o problema do CLM é que perdeu alumnado de forma alarmante nos últimos anos. Hai varios factores, pero un moi importante foi o cambio que supuxo para os estudantes o paso das licenciaturas aos graos e o feito de esixir un nivel mínimo de idiomas estranxeiros nos propios títulos. Agora a maior demanda é de estudantes que queren certificar o seu coñecemento de idiomas, e temos que ver como reorganizamos o centro, entre outras cousas, facendo unha maior oferta de cursos para o profesorado e facendo fincapé na certificación aos estudantes. Hai uns días, houbo unhas xornadas sobre centros de linguas modernas na Universidade de La Laguna nas que vimos que a situación é a mesma en todas, o problema é común a raíz da implantación dos graos. Os estudantes, primeiro, non teñen tempo, viven mirando a axenda, e non creo que sexa tanto unha falta de interese como unha cuestión de necesidades. ‘Agora certifico, que me dean o papel e xa aprenderei despois’, e iso vai en contra da nosa capacidade de captar estudantes. Logo hai unha obsesión por conseguir papeis que cada vez é maior e que xa non é titulitis, é diplomitis. ‘Que me dean un papel por cada cousa que fago, aínda que sexan dez minutos, aínda que sexa por ler un libro’. Non o digo polos rapaces, é un problema xeral; deberiamos recuperar a idea de que hai unha certa bagaxe de formación persoal que non ten por que estar nos papeis. É verdade que despois vante medir por iso e que a competitividade é cada vez maior.

-Leva tamén as prácticas nas empresas. Mellorou a coordinación entre o mundo académico e o empresarial?

-Creo que é a gran achega de Bolonia: pero agora temos o gran problema do decreto relacionado coa Seguridade Social, á que todos os estudantes en prácticas terían que estar afiliados, e o decreto non deixa claro a quen corresponde o pago das cotas, máis aló de insinuar que sería ás empresas. Obviamente as universidades non poden facerse cargo dese gasto, pero eu entendo que tampouco deben facelo as empresas. Agora é a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) a que está negociando cos dous ministerios para acadar que o sistema funcione como xa se está a facer no caso das prácticas remuneradas, onde as empresas teñen un cen por cen de bonificación. É importante tranquilizar tanto ás nosas escolas como ás empresas porque se está a negociar, aínda que todo queda pendente das eleccións e do que pase co Goberno en Madrid.

-E logo antes de que saia isto no BOE non se fala?

-Pois non, non falaron. E hai un segundo problema: Quen fai a xestión da afiliación? Porque a USC enviou o ano pasado en prácticas a uns 4.500 estudantes.

-As prácticas melloran a inserción laboral?

-Estamos traballando nun posible observatorio de empregabilidade, non só para coñecer mellor a inserción laboral senón para saber como se moven os estudantes cando saen e onde acaban. Por suposto que hai moitas empresas que se quedan cos estudantes que xa tiveron de prácticas e tamén é habitual que pasen polos centros buscando persoal.

-Como está a implantación das novas tecnoloxías, outra das súas responsabilidades?

-Traballamos en tres grandes liñas. A primeira é o campus virtual, que dá soporte on line a toda a docencia regrada da USC e que queremos facelo extensivo máis alá para que practicamente toda a relación entre estudantes e profesorado poida facerse de xeito virtual, sobre todo entre as tres universidades galegas. Logo está o plano de formación e innovación docente, no que nos preocupan cuestións relacionadas co plaxio e o manexo que os estudantes fan das fontes de información; non ten que ser unha mala práctica feita aposta senón que veñen acostumados a traballar así e non sempre son conscientes do que non se pode facer, que poden usar as fontes pero citándoas. Co tempo haberá que levalo á escola para que saiban que hai que respectar o traballo dos demais. Por último, traballamos na aula polimedia, unha aula de gravación de materias didácticos que ten moitas posibilidades.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Celia Besteiro: «Hai unha bagaxe de formación persoal que non ten por que estar nos papeis»