«A derradeira leición do mestre» recibiu 40.000 visitas, récord na Cidade da Cultura

La Voz

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A mostra en torno ao cadro de Castelao pechou onte as súas portas

03 mar 2019 . Actualizado a las 23:32 h.

A primeira visita a Galicia do cadro A derradeira leición do mestre, de Castelao, deixa un récord de visitas na Cidade da Cultura: máis de 40.000 persoas acudiron a ver a exposición da que forma parte esta obra que o intelectual galeguista pintou en Bos Aires en 1945 en homenaxe ao seu amigo Alexandre Bóveda e que por primeira vez saíu de Arxentina.

Pola mostra Castelao maxistral pasaron unha media de 303 visitantes cada día, unha cifra que superou incluso á de Gallaecia Petrea, que contabilizara 279 visitantes diarias e fora o primeiro proxecto expositivo que se desenvolvera no museo, de aí, segundo a Xunta, que na afluencia tamén se deixara notar a curiosidade por coñecer o conxunto arquitectónico.  

Dende a Xunta, destacan especialmente a participación de escolares nesta mostra. Ata a Cidade da Cultura achegáronse para ver o cadro de Castelao preto de 9.000 estudantes de diferentes cursos e provenientes de 120 centros educativos de toda Galicia. Tamén incidiron na elevada participación nas actividades complementarias. Esgotáronse as entradas para o concerto da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e o da Real Filharmonía. Onte, a poucas horas da actuación da Orquestra de Cámara Galega quedaban tamén moi poucos convites por retirar dos catrocentos ofertados. Durante estes cinco meses, tamén se desenvolveron charlas en torno á mostra.

Mostra en Ourense

A derradeira leición do mestre exhibirase a partir do 7 de marzo na Deputación de Ourense. Posteriormente, o óleo regresará ao Centro Galicia de Bos Aires, institución á que pertence.