Hobbes, Stuart Mill e Hawking, en galego

«Leviatán», «Sobre a liberdade» e «Unha breve historia do tempo» únense á Colección Clásicos do Pensamento Universal


Santiago

Poñer en galego o máis relevante do pensamento en diferentes áreas de coñecemento. Ese é o obxectivo da colección iniciada no ano 2002 pola Universidade de Santiago e a Fundación BBVA, Clásicos do Pensamento Universal, que acaba de incorporar Leviatán, de Thomas Hobbes; Sobre a liberdade, de John Stuart Mill; e Unha breve historia do tempo, de Stephen Hawking. Con estes tres novos títulos xa suma 31.

O profesor Xosé Luis Barreiro Rivas, prologuista e tradutor de Sobre a liberdade, destacou que se trata dun libro de plena vixencia, apuntando que John Stuart Mill dou de cheo no problema cando apuntou que «as máis frecuentes trabas da liberdade estaban nas formas de control non explícitas». Para Barreiro Rivas, esta tradución ao galego chegou no momento máis oportuno xa que «a potencia das tecnoloxías da comunicación está demostrando ter sobre a sociedade contemporánea máis efectos de control e de homoxenización do pensamento que de alivio das censuras que aínda poidan permanecer nos marcos constitucionais». Engadiu que para el, ante a súa inminente xubilación, esta tradución e prólogo «poden simbolizar a culminación de 25 anos de servizo nesta querida Universidade».

Pola súa banda, os profesores da Facultade de Física José Edelstein e Jorge Mira prologan Unha breve historia do tempo, escrita por Hawking en 1988 e actualizada en 1996. Edelstein destacou que se trata da obra que senta as bases da divulgación científica. Pola súa parte, Jorge Mira, lembrou que o científico coñeceu que se estaba traducindo ao galego «o libro máis vendido da historia no ámbito da divulgación científica». Asegurou que foi moi fiel na tradución da publicación na versión de 1996.

As novas incorporacións complétanse con Leviatán, de Hobbes, que foi traducida por Vicente Araguas e prologada por María Xosé Agra Romero. A profesora da USC asegurou que o «o hobbismo ten moi mala prensa» e apuntou que «hai que rachar algúns dos tópicos» existentes. Engadiu que se trata dun clásico que conecta coa actualidade, xa que fala da crise, violencia ou inseguridade.

O director da colección, Darío Villanueva, destacou onte que estes traballos tamén son unha mostra da «riqueza extraordinaria nos seus recursos humanos» da USC, xa que sempre hai especialistas para as traducións e os prólogos. Pola súa banda, tanto o reitor, Antonio López, como a directora de Comunicación da Fundación BBVA, Silvia Churruca, incidiron na continuidade da iniciativa con novos títulos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Hobbes, Stuart Mill e Hawking, en galego