Rosalía renace en todos os galegos

uxía lópez / Joel gómez PADRÓN, SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

A Gala Rosaliana levou ás rúas de Padrón a estudantes de primaria e secundaria, e os escolares de Santiago tamén festexaron o aniversario do nacemento da escritora do Sar

23 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A segunda Gala Rosaliana organizada polo Concello de Padrón en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro sacou onte a rúa a estudantes dos centros educativos de primaria e secundaria do municipio, para conmemorar que un 24 de febreiro de hai 182 anos nacía a escritora do Sar. Coa música tradicional da Asociación Cultural Rosalía de Castro, fixeron unha ofrenda floral ante a estatua da escritora no paseo do Espolón, antes de percorrer as rúas e ir ao auditorio municipal para un recital poético, acompañados polo alcalde, Antonio Fernández, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, amais doutros concelleiros da corporación local.

Pola tarde, no auditorio, presentouse o libro gañador do IV Certame Poético Rosalía de Castro e puido verse o vídeo Caldo de Gloria, feito en colaboración de mulleres de distintas parroquias de Padrón. En Rois, o xoves presentouse o terceiro número da revista de estudos rosalianos Follas Novas, financiada polo Concello.

Dentro da programación do Día de Rosalía, hoxe hai un acto especial na Casa da Matanza, coa estrea, á unha da tarde, da peza musical Caldo de groria, de Loliña Mosquera Souto, arranxada polo mestre Braulio Cao Ledo para coro e banda. Trátase dunha versión musicada do poema de Rosalía Miña casiña, meu lar, que será interpretado por primeira vez pola Banda de Música de Padrón e a Coral Polifónica Padronesa.

Loliña Mosquera, primeira galardoada coa Rosa de Galicia pola Fundación Rosalía de Castro, é filla de Xosé Mosquera Pérez, coñecido como O vello dos contos, e principal impulsor intelectual da adquisición da Casa da Matanza para transformala nun símbolo da cultura galega, alá por 1946.

Xa mañá, en Galicia e en todo o mundo soará a alborada global, unha peza musical con letra da propia autora e que a fundación rosaliana, en colaboración coa Asociación Galega de Gaiteiros, invita a entoar para saudar o Día de Rosalía.

Nesa xornada, ademais dos actos institucionais en Santiago, o auditorio da Casa de Rosalía acollerá pola tarde un concerto do grupo portugués D’Aqui. E, para rematar, a escritora Ledicia Costas preparará o caldo de gloria, o mesmo que estes días se cociña en comedores escolares, establecementos de hostalería e casas particulares de todo o país.

En Compostela

Alumnado e docentes dos institutos Xelmírez I e Rosalía de Castro de Santiago celebraron o día de Rosalía cunha manifestación xunto á estatua da escritora, na Alameda. Utilizaron o lema da Asociación de Escritores, Libre o meu pensamento. O acto terminou cunha cadea humana arredor do monumento. A concelleira Marta Lois entregou a Marina Salgada, do Xelmírez I, o premio á mellor chapa conmemorativa do Día Internacional da Lingua Materna.

Sálvora Ferreirós, do Xelmírez I, abriu o acto, e a seguir Xoana Lema e Carolina Silva, do Rosalía de Castro, leron o manifesto da Asociación de Escritores. Despois, quince estudantes leron os poemas Adiós ríos, adiós fontes, Daquelas que cantan, Xan e Tecín soia a miña tea, en varias linguas.