Marián Bañobre: «En "O furancho" dámoslle a volta á cultura e á situación do país»

Ibuprofeno Teatro trae por primeira vez a Santiago a peza cómica


Santiago

Hoxe ás 20.30 horas, e o domingo ás 18.00 • Salón Teatro • 10 euros (5 euros o domingo) • O Salón Teatro convértese durante catro días nun furancho da man de Ibuprofeno Teatro. A actriz Marián Bañobre, que protagoniza a peza xunto a Isabel Risco, destaca a oportunidade que supón poder estar catro días no mesmo escenario cun espectáculo, neste caso con O furancho.

-Que vai atopar o público nesta peza con amplo percorrido?

-A pesar de levar catro anos é a primeira vez que estamos en Compostela con este espectáculo, no que cada función é diferente. A estrutura e o texto son os mesmos, pero hai unha enerxía que é propia de cada función. É unha peza cómica, moi cañera, na que se lle dá a volta á nosa cultura e á situación do país. Isto supón un trasfondo bastante dramático porque as cousas están como están. O público vai rir bastante, pero vai reflexionar tamén.

-Tratan o furancho como unha metáfora da sociedade.

-Si, é unha metáfora da nosa profesión, o propio teatro, pero tamén de calquera oficio artesanal. O furancho dá aos seus veciños o excedente de viño e é algo caseiro, pero esas persoas teñen que facer todo: elaborar o viño, coidar a viña, servir a mesa... Son todos os oficios artesanais, todas aquelas persoas que teñen que elaborar un produto desde o seu inicio ata o final. Falamos moito do fracaso, como a xente loita por sacar adiante algo coas súas propias mans. Estas dúas mulleres que están no furancho fracasan e repóñense a iso.

-Levan catro anos con «O furancho». Téñenlle data de caducidade?

-Hai tempo desexabamos rabiosamente ter que retiralo porque cambiara o goberno neste país e todo o que dicimos nesta peza non tería sentido. Estariamos encantados de retirar o espectáculo porque cambian as cousas e perda o sentido moito do que se di, pero desgraciadamente non é así. Ademais, non sabemos o que nos virá agora con estas campañas electorais novas. Mentres as cousas sigan como están, temos furancho para tempo.

-Esta peza foi como o inicio dunha serie de traballos coa comida como protagonista: «Raclette» e «Casa O’Rei». Por que?

-É certo que nos gusta moito a comida [ri]. Son espectáculos moi diferentes na concepción e na estrutura, pero todos teñen algo que ver coa comida. Non foi algo premeditado, aínda que cando nos demos conta dixemos: «Temos unha triloxía gastronómica».

-Con «Casa O’Rei» están nomeados aos premios Max. Que supón para vostedes?

-Aínda son as nomeacións iniciais e á volta final é moi difícil chegar. Con Raclette conseguímolo, algo que foi histórico, porque ningunha compañía galega o lograra tras desaparecer a categoría exclusiva de aquí. É moi difícil repetir, pero o feito de chegar a estar entre os 19 nomeados entre as trescentas montaxes que se presentaron en cada categoría xa é unha grande alegría. Ademais, oxalá sirva tamén para darlle difusión á obra fóra de Galicia, porque ao ser un espectáculo grande gústanos que tamén chegue fóra. Achéganos moito tamén relacionarnos con outra xente e saber o que fan noutros sitios.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Marián Bañobre: «En "O furancho" dámoslle a volta á cultura e á situación do país»