Miguel Boó: «Tentarei que se dedique o Día das Letras a Suso Vaamonde»

La Voz

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Destaca na biografía o labor do músico para dar a coñecer a poesía galega

20 feb 2019 . Actualizado a las 04:55 h.

20.00 horas • Afundación (Rúa do Vilar, 19) • O escritor e xornalista Miguel Boó presenta esta noite Suso Vaamonde, voz de trebón, unha biografía autorizada do músico e cantautor. Participarán no acto Mero, fundador de Fuxan os Ventos e A Quenlla, e Ghuspe, ex de Voces Ceibes. O autor, que nos vindeiros días presentará o libro noutras cidades, di que o labor de Vaamonde «non se recoñece nada».

-Por que esta biografía?

-Era meu amigo e cando tiña 45-46 anos un bo día díxome: «Miguel, déixoche esta manchea de arquivadores -eran vinte, con fotos, documentos, gravacións, discos...- porque, cando chegue o momento, tes que escribir a miña biografía». Non podía imaxinar que morrería catro anos despois. Así que estaba emprazado por el a facer esta biografía, pero tardei 19 anos. Demoreime porque emocionalmente sentíame incapaz e porque tiña medo a defraudar, de quedar curto, pasarme...

-Atopou moito novo?

-Ningunha sorpresa, pero si que fun creando un relato coherente coa súa vida. Tiña que falar do home que popularizou os nosos poetas. Déronlle a Bob Dylan o Nobel por popularizar a súa poesía a través da música. Suso Vaamonde colleu a poesía de polo menos 76 escritores. Miles de persoas son capaces de cantar Como vivir mañá sen a luz túa, que é o título que a xente lle dá a un poema de Bernardino Graña, que recoñeceu este labor de Suso. Pero non foi o único: tamén o fixeron Méndez Ferrín, Celso Emilio, Uxío Novoneyra, Neira Vilas... A outra intención foi contar como é de dura a vida da xente con ideas políticas, e como é posible que por ser independente quedara absolutamente só e abandonado cando viñeron as cousas mal dadas, cando o condenaron a prisión e estivo no exilio.

-Quedou solapada esa vertente de dar a coñecer a poesía galega pola máis reivindicativa?

-Seguramente. Haberá a tentación cando se escriba a historia de converter a Suso Vaamonde nun home simplemente reivindicativo. É moi posible que triúnfe considerado como un músico rebelde máis ca por este labor de popularizar a poesía. Desde o primeiro día estou propiciando un movemento para que se lle dedique o Día das Letras Galegas porque fixo ese labor que ten un valor incalculable.

-Como foi a documentación?

-El morreu tan novo e, ademais, faleceron os seus pais e a súa primeira muller. Iso foi un atranco importante porque eran testemuños orixinais. Co propio Suso tiña pendentes para esa biografía un montón de conversas. Tiven que conformarme con eses arquivadores, pero para reconstruír outras cousas tiven que botar man dun cento de persoas. Hai algúns episodios controvertidos para os que precisei de falar con ducias de persoas. Este é o caso do incidente de Guimarães, polo cal se rompería Voces Ceibes.

-Que imaxe lle gustaría que quedara de Suso Vaamonde?

-A ensinanza sería que moitas veces ser honestos e ser politicamente incorrectos acaban pasando unha factura terrible e inmerecida. Ademais, se consigo que a xente lle dea o mesmo valor que lle dou eu ao feito de que este home fora o gran popularizador da poesía galega, misión cumprida.