
As actividades, que se desenvolverán ata o día 28, implican a colexios, hostalería e comercios
20 feb 2019 . Actualizado a las 04:55 h.Música, recitais, visitas guiadas, reparto de versos e monicreques, entre outras actividades, lembrarán a Rosalía en Compostela ata o día 28 con motivo do 182 aniversario do seu nacemento. As actividades están organizadas polo Concello de Santiago coa colaboración da asociación veciñal do Ensanche, Raigame, e a Fundación Rosalía de Castro.
O programa está pensando, segundo destacou o alcalde, Martiño Noriega, «para reivindicar a figura de Rosalía e os seus vencellos con Santiago, e para facelo coa participación da cidadanía, do tecido asociativo, dos colexios, das persoas maiores e o público infantil». Nesa liña tamén incidiu o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, que apuntou que a mellor forma de reivindicar a Rosalía é «levándoa aos colexios, aos establecementos de hostalería, ao pobo». Pola súa banda, Xosé Manuel Durán, de Raigame, destacou a celebración das actividades tendo en conta o Ensanche.
A programación xa está en marcha. Nos colexios San Xosé de Cluny e Quiroga Palacios están desenvolvendo unha semana dedicada á poetisa. Pola súa banda, os comercios do Ensanche e Conxo reparten un poema de Rosalía coas compras, mentres que os locais de hostalería permiten degustar o caldo de gloria. A oficina de turismo tamén entrega un «pack» Rosalía.
Mañá cinco centros cívicos acollerán lecturas da obra de Rosalía. O venres 22, haberá un recital de poemas ás 12.00 horas na praza de Vigo. Ese mesmo día, fronte a súa estatua na Alameda, tamén se lerán textos rosalianos. O sábado, Uxía (12.00 horas, centro cívico de Conxo) e Amancio Prada (21.00 horas, igrexa de San Fernando), ofrecerán concertos. O domingo será a ofrenda floral e haberá monicreques. O día 27 está programado un itinerario rosaliano.