Siro López destaca a Castelao como referente do humor gráfico e literario

La Voz

SANTIAGO

RAFA MILLARES

Ofrecerá unha charla hoxe no Museo Gaiás no que destacará como o intelectual galeguista foi un dos grandes creadores europeos

20 feb 2019 . Actualizado a las 04:55 h.

18.30 horas • Cidade da Cultura • «Castelao é o humorista total: humorista literario e humorista gráfico. Non se trata dunha figura importante no ámbito galego, senón dun dos grandes creadores europeos nos dous xéneros», asegura o humorista gráfico Siro López, que hoxe ofrecerá a charla «Castelao, o humor galego en Europa» na Cidade da Cultura no marco das actividades organizadas con motivo da exposición que recolle o cadro do intelectual galeguista A última leición do mestre.

Siro López destaca que Castelao é o humorista literario que mellor entendeu a lección de Cervantes no Quijote, «e demostrouno nos contos publicados en Cousas e retrincos». Lembra como así co recoñeceu Wenceslao Fernández Flórez, un dos seus seguidores e admiradores. Pero Siro López recorda tamén como o crítico José Francés definía ao intelectual galeguista como «el más europeo de los dibujantes españoles».

Na conferencia que impartirá hoxe, Siro López explicará como un rapaz de Rianxo que viviu a infancia na emigración arxentina puido acabar sendo un dos grandes creadores europeos. «A formación adquirida a partir do humor popular galego e do estudo dos grandes mestres do humor gráfico europeo, ademais do proceso de concienciación galeguista, foron os alicerces da súa evolución desde o viñetista divertido da revista Vida gallega ao humorista madurecido e comprometido do Álbum Nós, unha das grandes creacións do humor gráfico europeo», afirma.

Concerto o día 1

Por outro lado, a exposición Castelao maxistral despedirase cun concerto da Orquestra de Cámara Galega o 1 de marzo, ás 20.00 horas, no Museo Gaiás. O programa incluirá composicións vinculadas ao autor de Sempre en Galiza. A entrada é gratis previa retirada do convite, que estará dispoñible desde hoxe. A mostra pechará o día 3 de marzo con récord de visitas, xa que superáronse xa as 35.000 persoas.