Celso Fernández Sanmartín: «O traballo etnográfico ten sitio na escena contemporánea»

O narrador estreará no festival unha peza baseada nun poemario dedicado ao seu avó


Santiago

20.30 horas • Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura) • O narrador lalinense Celso Fernández Sanmartín levará hoxe por primeira vez ao escenario a lembranza do seu avó materno que recolle no poemario A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez no marco do festival Escenas do Cambio.

-Como xurdiu este proxecto?

-Pablo Fidalgo, o director de Escenas do Cambio, traballa moito sobre a historia familiar e preguntoume, a raíz do meu libro, se tiña algo que puidera levar a escena dentro do ámbito do festival, que son artes escénicas contemporáneas. Entón, o curioso é que o traballo etnográfico e biográfico ten sitio na escena contemporánea. Vou recitar o poemario completo, pero, polo medio, vou manter un diálogo co libro e coa miña memoria. Vou aludir a outras persoas, outros recordos, que tamén forman parte do libro pero que non están na letra impresa.

-Na escena vai estar presente a cama do seu avó.

-Non tería sentido que levara outra cama (ri). É unha que, tal como vai, é inútil porque non ten somier. Terá o cabeceiro, os pés, os dous largueiros e unha colcha.

-Pensara en trasladar o libro á escena previamente?

-Non, pero non o topo como un acto escénico distinto do que sería facer un recitado en calquera sitio. Non é un acto teatral. Non represento a ninguén que non sexa eu mesmo, ou polo menos, o que de min mesmo coñezo. Non me vou poñer disfrazado de ningún maneira. Vou ser eu nos meus recordos coa escusa de ir tirando do fío do que significan os obxectos que deixan os que se van.

-Como aborda a figura do avó no poemario?

-É unha reelaboración poética do que supón a falta dunha persoa. O libro é ter como un obxecto máxico, o modo de tocar a alguén que xa non está. Polo que el me quería e me coidou o meu avó, non deixo de levalo comigo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Celso Fernández Sanmartín: «O traballo etnográfico ten sitio na escena contemporánea»