Teatro do Noroeste trae á actualidade a avaricia e luxuria descritas por Valle-Inclán

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

A compañía buscou achegarse o máis posible á proposta escénica do creador do esperpento

24 ene 2019 . Actualizado a las 04:55 h.

Hoxe e mañá • 20.30 horas • Teatro Principal • 12 euros • Despois de máis de trinta anos de traxectoria, a compañía Teatro do Noroeste cumpre un desexo pendente: representar a Valle-Inclán. «Sempre o quixemos montar, non só porque nos guste a nós e como teatro de repertorio, senón porque ao teatro galego tamén lle viría ben pasar por Valle e para iso había que esperar a que se puidese traducir ao galego», explica Eduardo Alonso, o director. O resultado é Da avaricia, a luxuria e a morte, que hoxe e mañá poderá verse no Teatro Principal compostelán.

Por que a elección das pezas Ligazón, A cabeza do Bautista e A rosa de papel para conformar Da avaricia, a luxuria e a morte e non as cinco que compoñen que compoñen o Retablo de la lujuria, la avaricia y la muerte? «Porque son as tres pezas nas que máis contundentemente e de maneira máis descarnada está expresada a avaricia e a luxuria, que levan á morte», afirma o director, engadindo que coa totalidade serían máis de cinco horas.

A montaxe de Teatro do Noroeste trata de achegarse o máis posible á proposta escénica de Valle-Inclán, ofrecendo «unha mirada dende hoxe, pero con certo respecto aínda que sen ser reverencial. Non queremos dicir que facemos a Valle e facer outra cousa». Nese sentido, destaca o traballo feito polo tradutor Manuel Guede co obxectivo de manter a riqueza da linguaxe orixinal do creador do esperpento.

Música en directo

Unha das achegas da montaxe de Teatro do Noroeste é a de incluír as acotacións introducidas por Valle-Inclán no texto no espectáculo mediante a música, ao transformalas en cancións de cego. «Pensamos que era o xeito máis doado, aínda que nunca vin antes esta solución», explica Eduardo Alonso, xa que hai incluso quen incorpora a un actor recitando.

O elenco artístico desta montaxe confórmano Luma Gómez, Manuela Varela, Fernando Tato, Inma António, Miguel Pernas, Bernardo Martínez, Felisa Segade e Xan Casas.

Ademais, a compañía segue con actividades vinculadas ao seu 30 aniversario. Onte, no Teatro Principal, tamén se proxectou o documental 30 anos actuando: que nos quiten o bailao. Ademais, ata o 31 de xaneiro, na Casa de Cultura de Bertamiráns, pode visitarse a mostra que recolle o traballo de tres décadas.