Suso Vaamonde: «Aumentan os profesionais polo maior interese na música tradicional galega»

Joel Gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O músico participa coa banda municipal en catro concertos didácticos e no do domingo

24 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alumnado de dez colexios asisten hoxe e mañá a catro concertos didácticos no Auditorio de Galicia, ás 10.00 e ás 12.00 horas cada día. Neles, a banda municipal de Santiago estará acompaña de Suso Vaamonde, especialista en música tradicional galega. Este intérprete e ensinante tamén acompañará á banda no concerto do domingo ao mediodía, no Teatro Principal.

-Como serán estes concertos?

-Serán diferentes, aínda que en todos interpretarei varios instrumentos populares musicais galegos xunto coa Banda Municipal de Música de Santiago.

-Cal será a diferenza?

-En todos os casos haberá pezas para gaita, zanfona, acordeón, pandeiretas, asubíos, berimbaos e outros, en combinación coa banda. Nos concertos didácticos haberá menos temas musicais e explicarei como son e funcionan eses instrumentos. E o domingo eu interveño menos e actúa máis a banda.

-Son todos temas galegos?

-Si, son todos temas populares galegos, arranxados para banda por Juan Lois Diéguez, e un por Xoán Porto Becerra.

-Foi difícil traballar coa banda?

-Non, nada difícil. Ensaiamos en conxunto un día, que é suficiente. A banda de Santiago é profesional, todas as pezas son coñecidas e ao ser música popular o nivel técnico é máis simple para interpretar.

-Tivo outras experiencias así?

-Tiven, e con bandas non profesionais. Participei en concertos semellantes coas bandas de Salceda de Caselas ou coa de Pontevedra, e case sempre un ensaio é suficiente. Hai que pensar que moitos músicos das bandas proceden da música popular e resulta fácil contactar con eles. E nas bandas hai músicos moi preparados, de moi boa calidade.

-Ten presenza a música tradicional galega nos centros de ensino?

-Ten cada vez máis presenza e comeza a haber materiais específicos. En colexios e institutos cada vez fago máis concertos, e hai tamén unha serie de grupos que fan música en galego orientada para o alumnado, que está tendo moita aceptación. Ese era un material que faltaba.

-Leva moitos anos dedicado á música tradicional galega. Consegue ser profesional?

-Son profesional da música, si. Actúo e estou dedicado ao ensino destes instrumentos populares. Teño unha escola en Caldas de Reis e tamén ensino en centros de Betanzos, Lugo, Salceda de Caselas ou A Serra de Outes.

-Está suficientemente viva a música tradicional na sociedade galega?

-Penso que si. Aumentan os profesionais polo maior interese na música tradicional galega. Cada vez hai máis especialistas e con maior cualificación.

-Como repercute iso?

-Aumentan tamén os artesáns, que se dan de alta e viven disto; e, a pesar diso, cada vez temos que esperar máis para que nos fagan un instrumento, iso é indicativo de que hai demanda. Outro indicativo é que hoxe hai máis persoas que poden vivir de ensinar gaita, tambor, bombo, pandeireta, percusión, zanfona, acordeón, e hai uns anos non existía esa posibilidade. Antes había que ter outro traballo para poder subsistir e esta dedicación á música tradicional era como un complemento. Por iso, grazas a esa maior demanda poden aparecen más profesionais.

-Que opina do Suso Vaamonde falecido no ano 2000, referente no tempo de Voces Ceibes?

-Non teño relación persoal con el, aínda que moitas persoas pensan que si. Suso Vaamonde é para min un mestre, verdadeiramente un referente. De feito, hai anos, cando comezaba, eu asinaba como Xesús Vaamonde. Agora, pasados os anos, decidín usar Suso, que é o nome polo que me coñece todo o mundo.