Andres Vilas: «Ao padecer a gripe é mellor repousar un ou dous días, se non pode ser peor»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Case todas as mortes desta patoloxía son por complicacións, sobre todo en persoas con doenzas crónicas, afirma el pneumólogo do Hospital HM Rosaleda

20 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos días Galicia entrou na fase epidémica da gripe e xa se produciron as primeiras mortes na comunidade por este problema de saúde. Esta patoloxía «pode supor graves consecuencias e mesmo pór en risco a vida dunha persoa. O contaxio acontece desde 24 horas antes de que se manifesten os síntomas até tres ou catro días despois. Aínda que moitas persoas lle restan importancia a esta infección, é importante a prevención», afirma Andrés Vilas, pneumólogo do Hospital HM Rosaleda.

-Como está a ser a gripe deste ano?

-Chegaron aínda poucos casos á consulta, e outros están pendentes de resultados das análises de laboratorio. Por agora non lle vimos ningunha característica diferente ás gripes doutros anos. As persoas con gripe que atendemos en pneumoloxía son máis ben asmáticas, con EPOC, ou afectadas doutras doenzas que, por causa da gripe, complican a súa situación, mesmo poden desenvolver unha pneumonía; e iso obriga a que os ingresemos.

-Aínda a están a notar pouco, pois?

-O pico alto non o notamos, aínda que si vemos unha elevación de casos os últimos días. En pneumoloxía xa tivemos moita demanda de consultas cando comezou a vir o mal tempo, en outubro, e naquela altura tivemos moitos ingresos respiratorios. Aconteceu o mesmo arredor da fin de ano. Normalmente non hai unha onda única de gripe, a súa incidencia aumenta pouco a pouco. Agora parece que estamos na parte ascendente, porque xa se detectou unha porcentaxe de casos de gripe superior aos valores habituais.

-Que lle aconsella facer a quen padeza a gripe?

-Ao padecer a gripe é mellor repousar un ou dous días, se non pode ser peor; e tomar algún fármaco apropiado para os síntomas e para baixar a febre.

-E se non se pode repousar?

-O repouso é fundamental. A pesar do nivel de vida actual, que parece que non se pode parar nin 24 horas, existe a probabilidade de que, se non se repousa o suficiente, se favorezan complicacións posteriores, como unha bronquite ou unha pneumonía. Por iso sempre é mellor parar un ou dous días que non despois ter que parar unha ou dúas semanas.

-Chegan moitos casos de gripe para ser tratados no hospital?

-A maioría non é necesario que acudan ao hospital. Só as persoas con doenzas crónicas, diabéticas, asmáticas, afectadas de EPOC, insuficiencia cardíaca... esas persoas si chegan, máis que nada polas complicacións. Para a maior parte da poboación, sobre todo para as persoas máis novas, é suficiente con que as traten en atención primaria.

-Os últimos anos están a ser declaradas máis mortes por gripe, a que se debe iso?

-Inflúe o que cada vez teñamos unha poboación máis avellentada, pois as persoas de idades avanzadas son o colectivo máis vulnerable para unha defunción. Os casos que falecen directamente por unha gripe son contados; o que acontece son mortes derivadas da gripe indirectamente: por unha pneumonía, polo agravamento dunha EPOC, complicacións dunha insuficiencia cardíaca, e semellantes. O incremento dos ingresos hospitalarios e das defuncións confirman que se está nunha onda de gripe, aínda que falten confirmacións do virus por resultados de analíticas. E a maiores da poboación máis envellecida, hoxe tamén buscamos máis e mellor os casos; non pasan desapercibidos, sobre todo despois desa alarma que houbo pola gripe A hai uns anos.

-Afectan os virus A e B, preocupa máis algún deles?

-Os dous circulan todos os anos e poden afectar. Para a súa diferenza clínica é conveniente facer análises, que detectan anticorpos e permiten saber cal é o virus que afecta a cada doente.

-Moitas persoas pensan que a gripe A é máis perigosa.

-Iso é polo que aconteceu hai uns anos, que atacou un tipo de virus non habitual de forma masiva na poboación, sobre todo en persoas máis novas e que estaban desprotexidas. En xeral, para unha persoa sa, que non teña doenzas crónicas e que se encontre ben alimentada e nunha situación de saúde habitual, non hai grandes diferenzas; non sempre é fácil diferenciar un e outro polos síntomas que producen.

«Aconsello a vacina, que evita moitos desgustos»

Aínda se administra a vacina da gripe e esta semana permanece aberta a campaña oficial de Sanidade. Está aconsellada «para as persoas maiores de 65 anos, mulleres grávidas, doentes crónicos respiratorios, neurolóxicos, oncolóxicos, con insuficiencia cardíaca, renal ou hepática, e tamén para persoas diabéticas, infectadas por VIH ou inmunodeprimidas por outras causas, ou para quen mobilizan mal as secrecións respiratorias. Tamén para o persoal sanitario, de residencias e hospitais; e para traballadores sociais e familiares, ou para coidadores que convivan con persoas vulnerables, nestes casos polo risco que de que poidan transmitir a doenza», esclarece.

-Alén dos centros do Sergas, vacinan moito nos privados?

-Si, en HM Rosaleda tamén se administra a vacina da gripe, no servizo de Urxencias. Temos un calendario para facilitar que se anoten e axilizar a atención ás persoas interesadas. Usamos exactamente as mesmas vacinas, porque tamén as distribúe o Sergas; colaboramos activamente na campaña de vacinación pública e atendemos a persoas beneficiarias de seguros privados.

-Aínda está aberta a campaña de vacinación. Aconsella a vacina?

-Aconsello, si; como pneumólogo recomendo sempre que o fagan, porque a vacina pode evitar moitos desgustos ás persoas dos colectivos en quen está máis recomendada.

-E fan caso?

-En xeral, a maioría si. Hai xente que se resiste, por temor ás reaccións negativas que poidan ter por causa da vacina. Aínda que hoxe, coa tecnoloxía que se utiliza na súa produción, as vacinas son seguras. Hai tamén persoas que lle atribúen á vacina problemas de saúde que podan padecer nos días seguintes a que lla administren, aínda que moitas veces non teñan nada que ver, non teñen por que ser por causa desta vacinación.