Raquel Tarrío: «Aproveitamos as figuras de Coralia e Maruxa Fandiño para estudar o acoso»

Participan con centros de Italia e Romanía nun proxecto europeo de convivencia escolar, explica a profesora do IES Xelmírez I


santiago / la voz

Raquel Tarrío, profesora de inglés do IES Xelmírez I, valora que «en centros como o noso, onde a convivencia é boa, podemos traballar ben co alumnado, e dispomos de tempo e recursos, temos que elaborar estratexias contra o acoso escolar, que podan servir noutros centros onde non teñan as mesmas oportunidades». É por iso que promove, con Carmen Sande e Carmen Moure, tamén docentes do centro, un proxecto europeo Erasmus Plus, sobre este asunto.

-Como é este proxecto?

-O proxecto TRIC: Bullying e Cyberbullying está coordinado desde o noso centro, e participan outros de Cluj-Napoca, de Romanía, onde nós iremos en maio; e outro de Como, en Italia, onde nos reciben no primeiro trimestre do próximo curso. Docentes e alumnado deses centros veñen a Santiago os días 24, 25 e 26 deste mes. No centro temos outro proxecto Erasmus Plus, que coordina Andrés Fariña, centrado no Camiño Francés e de temática máis de economía, que comezou o trimestre pasado.

-Cal é o significado de TRIC?

-Tecnoloxías das relacións, información e comunicación. Esta iniciativa comezou hai dous anos, este é o terceiro en que no Xelmírez I traballamos especificamente sobre o acoso escolar.

-Como se desenvolverá?

-Este sábado [por hoxe] temos un seminario previo, sobre Ciberconvivencia positiva. Educando en rede, para a formación de docentes. O relator é José María Avilés, profesor de psicoloxía.

-Convivencia ou conflito, que é o que lles interesa máis?

-O proxecto europeo ten como lema Ciberconvivencia: Erasmus+. Queremos resaltar a necesidade de traballar ese tema desde un punto de vista positivo. Non se trata de falar só de acoso escolar, senón ver como loitar por unha boa convivencia entre o alumnado, co profesorado, e en xeral.

-Hai moito que se fala de acoso escolar, como é agora mesmo?

-Hoxe preocupa especialmente o mal uso de Internet. Por iso, queremos que José María Avilés se ocupe sobre todo de ciberbullying, da formación para a prevención desa realidade.

-É moi preocupante?

-Estamos vendo que moitos conflitos que xorden nos centros de ensino proveñen das redes sociais. O propio alumnado admite que teñen conflitos, que igual se deben a que non saiban facer un bo uso das redes sociais.

-E como traballarán iso no proxecto europeo?

-Con actividades que insistirán sobre todo na prevención do conflito e a mellora da convivencia.

-Que actividades?

-O alumnado poderá participar con carteis, cancións ou curtametraxes contra o acoso escolar. Tamén se vai programar teatro foro, e sondar a súa opinión ao principio e ao final do proxecto para avaliar o impacto. O obxectivo é partir de como se ve a convivencia no centro e comparar os resultados cos do final do curso 2019-2020, cando acabe este proxecto europeo.

-Notará o Xelmírez I este proxecto Erasmus Plus?

-O acoso escolar é un problema de toda a comunidade. Haberá actividades orientadas para todo o claustro, e a intención é implicar a todo o alumnado en dinámicas contra o acoso escolar. Estudantes de terceiro e cuarto da ESO participarán no intercambio con Italia e Romanía, xa desde a próxima semana.

-¿Farán algo especial próxima semana?

-Para que quen nos visitan coñezan Santiago, aproveitamos as figuras de Coralia e Maruxa Fandiño Ricart para estudar o acoso; que saiban o nome das chamadas Marías, e difundir como foron mulleres que sufriron acoso. Xa fixemos unha actividade así na Alameda, en novembro, polo Día internacional da non violencia contra a muller.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Raquel Tarrío: «Aproveitamos as figuras de Coralia e Maruxa Fandiño para estudar o acoso»