Xosé Cobas: «Os xoguetes axudan a desenvolver a memoria intelixente desde a infancia»

Un traballo seu, encomendado polo Concello, ilustra espazos da ludoteca de Fontiñas


santiago / la voz

Moitos dos libros infantís e xuvenís que se ofrecen hoxe como presente levan ilustracións de Xosé Cobas, un artista moi recoñecido neste ámbito, con proxección internacional. Por encomenda do Concello, realizou o ano pasado os deseños que recibirán, dentro dunhas semanas, a todas as persoas que visiten o Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, en Fontiñas. Este é un traballo «concibido como unha unidade, aínda que se distribúa en máis dun espazo; hai unha historia coherente á que se lle puxo A fábrica de xoguetes», afirma.

-Como pensou este traballo?

-Busquei destacar a importancia dos xoguetes na formación do imaxinario infantil. Como vai ser un espazo lúdico, pensei que era adecuado para montar esa fábrica, porque os xoguetes axudan a desenvolver a memoria intelixente desde a infancia, como destacan diversos autores; e esa é unha capacidade valiosa para seren persoas máis imaxinativas e creativas no futuro.

-Como é esa fábrica?

-É unha estrutura coherente dentro da miña produción, onde sempre procuro buscar referentes ha historia da arte, na pintura, escultura ou arquitectura.

-Que referentes escolleu aquí?

-Hai unha ollada para os círculos característicos do orfismo, de Marcel Duchamp, Delaunay ou Picabia, e para a obra da checa Kveta Pacovská. Tamén aparecen personaxes meus propios, como os gatiños, as lúas, ou arquitecturas que lembran as miñas ilustracións. E hai un grafismo que o une todo, que pasa dunha parede a outra e vai desenvolvendo unha relación co mundo infantil a través do xogo, e así aparecen pezas de parchís, unha cafeteira con forma de gato ou un peixe con máscara. Ese grafismo finaliza ofrecendo a posibilidade de entrar de novo na fábrica de xoguetes, para que a nena ou o neno podan imaxinar o que lles apeteza. É unha historia moi circular. Hai tamén unha especie de diálogo entre os propios xoguetes que, tras saíren da fábrica, comezan a interactuar entre eles.

-Foi axeitado o espazo para o seu traballo?

-Si. É fantástico, pola altura, luminosidade, amplitude, está moi ben pensado para o lecer. A idea inicial era ilustrar só unha parede. Non sabía que era un edificio con máis de 10 anos e, cando o vin, logo lle propuxen ao edil de Educación, Manuel Dios, facer unha historia con continuidade por varios espazos.

-Resultou, pois, unha experiencia satisfactoria?

-Si, tiven toda a liberdade.

-Que lle parece unir o seu nome ao de María Miramontes?

-É unha honra tremenda. María Miramontes foi unha muller senlleira, tamén no mundo da creación; hoxe sería unha deseñadora de estilo de moda de altura, alén da súa traxectoria cultural e política. Tamén me agradou que unha sala de xogos teña o nome do pedagogo Xosé Manuel Rodríguez-Abella, que foi amigo meu desde a infancia e mesmo coincidimos na escola, aínda que eu sexa uns anos máis vello. E, por certo, tamén neste traballo de Fontiñas hai unha referencia a Bolboretas, de Xabier P. Docampo, escritor de quen ilustrei boa parte da súa obra.

-Como ve a ilustración na Galicia de hoxe?

-Aínda que o álbum ilustrado de literatura infantil e xuvenil está nun bo momento, para quen nos dedicamos á ilustración houbo tempos mellores nese campo. Seguimos a estar ben representados internacionalmente, onde se coñece e valora a ilustración galega. E canto mellor se edite, iso favorecerá a ilustración e o texto, o conseguir un produto máis belo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Xosé Cobas: «Os xoguetes axudan a desenvolver a memoria intelixente desde a infancia»