Santiago foi relegado, quedou atrás

Xosé A. Sánchez Bugallo

SANTIAGO

16 dic 2018 . Actualizado a las 06:53 h.

Opasado día 6 xantaba sorprendido cunha reportaxe da TVG, na que a maioría dos turistas entrevistados na contorna da Catedral coincidían en manifestar que viñeran a Galicia para gozar da ponte da Constitución en Vigo, e aproveitaran a xornada para visitar Santiago.

O venres día 7 almorzaba coa nova dada polo Clúster do Turismo de Galicia respecto das previsións de ocupación desa fin de semana, previndo unha ocupación media en Galicia de entre o 60 e o 70 %. Estes datos incrementábanse ata un 90 % e 70 % en Vigo e Ourense respectivamente e reducíanse ata o 50 % en Santiago (o 51,6 %, segundo Hostalería de Compostela).

E o sábado día 8 lía na portada de La Voz de Galicia que «El sector turístico de Santiago pierde rentabilidad y puestos de trabajo». Na súa primeira páxina local o xornal informaba de que Santiago está a perder emprego turístico e cae á cola dos destinos españois, retrocedendo ao posto 47 de 53 e perdendo emprego, ocupación e ingresos. 

Que está a pasar en Santiago? Como é posible que a cidade de referencia do turismo en Galicia e das cidades Patrimonio de España, coa maior e mellor planta hoteleira do noso país, apareza relegada a esta posición?

Que se fixo co Plan Estratéxico de Turismo? Onde está o proxecto turístico propio de Santiago? Lamentablemente, seguro que gardados e abandonados nun caixón. 

Santiago realizou un importante esforzo na década dos 90 e 2000 para elaborar un proxecto turístico propio, cun perfil de seu e unha promoción específica, apoiándose para iso no fenómeno Xacobeo, pero poñendo en valor o turismo de congresos, cultural, de fin de semana e mesmo aproveitando a posición xeográfica da cidade como base para coñecer o resto da comunidade. Mais, desgraciadamente, a día de hoxe a capital de Galicia, a nosa cidade, carece de perfil propio e aparece diluída dentro da promoción da Xunta e incluso como punto de apoio doutros destinos turísticos en Galicia.

Ante isto, resulta imprescindible reconstruír o protagonismo da nosa cidade, para o que, indubidablemente, temos os instrumentos e a materia prima necesarios. E que fracasa entón? O liderado, o principal representante da cidadanía está aparentemente noutras tarefas que pouco o nada teñen que ver cos intereses de Santiago. Lamentablemente, o que está a acontecer co turismo ocorre noutros ámbitos: cultura, vivenda e mesmo na atención aos máis desfavorecidos…

O conformismo, a falta de ambición e de proxecto de cidade trouxéronnos ata aquí, pero cun proxecto novo e ilusionante, moito traballo e co aproveitamento das oportunidades que ofrecen os anos Santos de 2021 e 2027, Santiago volverá a ser a nosa cidade, a de referencia, na que toda Galicia se reflicta e da que se sinta orgullosa.