Marta Pérez, Inversa Teatro: «Na obra intentamos poñer en valor o que significa ser muller»

O espectáculo "Sofía e as postsocráticas" poderá verse a partir do día 11 durante seis xornadas no Salón Teatro


Sofía e as postsocráticas, a nova peza dirixida por Marta Pérez, fará unha preestrea mañá no Culturgal, para logo visitar Vigo antes de deterse a partir do día 11 durante seis xornadas no Salón Teatro, onde Inversa Teatro estivo como compañía residente.

-Sócrates, Aristóteles e Platón representados por mulleres.

-Son tres personaxes rememorando os filósofos da antiga Grecia pero, neste caso, dándolle unha volta. Estas mulleres intentan facer unha reconversión no pensamento para poñer en valor o que significa ser muller, o valor das mulleres. Esta obra parte da base de preguntarse cal sería a diferenza que esencialmente hai entre homes e mulleres dende o principio dos tempos. Esa diferenza fíxose a través do coñecemento filosófico, dun logos; entón as protagonistas intentan buscar un novo logos, un novo xeito de pensamento que non sexa excluínte como foi ata o de agora. A raíz dese pensamento faise unha reflexión sobre esta desigualdade entre homes e mulleres, que é a que favorece que estruturalmente haxa maltrato.

-Aluden á Manada, o xeito de ver ao maltratador..., canto de actualidade ten a obra?

-A obra empeza na antiga Grecia e cunha idea do que son os filósofos e filósofas desa época e chegamos ata a actualidade. Chámase postsocráticas porque queren facer un novo logos e porque queren analizar o que sucede. Tamén é unha crítica a actualidade de xeito que todo ese feminismo institucional que agora agromou tanto e está de moda, non deixa de ser un lavado de cara. Na obra unha das cousas que dicimos é que toda esa publicidade de «espazo libre de violencias machistas» é mentira e que seguimos soas.

-Leva dende o 2009 coa compañía e sempre feminismo e filosofía son os eixos centrais dos traballos. Por que?

-Van os dous ligados. Para min, o feminismo é algo revolucionario e o pensamento tamén é revolucionario. Ir a raíz das cousas é o que teño que facer como creadora. Cando no 2009 dicía que tiña unha perspectiva feminista, moita xente ríase de min. Eu insistía e reivindicaba esa palabra. Agora parece que está máis claro o que é o feminismo, que é a igualdade. Nese sentido, estou contenta. En canto a filosofía, esta é de todos e todas, non dunha elite.

-Hai mensaxes na obra, pero tamén partes con humor.

-A obra empeza máis cómica e, a medida que vai pasando, vai recrudecéndose. Non é unha peza teatral que pretenda dar leccións morais a ninguén, non me gusta iso. Eu o que quero é que a xente se vai pensando, reflexionando.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Marta Pérez, Inversa Teatro: «Na obra intentamos poñer en valor o que significa ser muller»