Un percorrido polas artes escénicas no Salón Teatro

La Voz

SANTIAGO

cedida

O circo será o protagonista mañá con «Futuro animal» e a fin de semana haberá danza

29 nov 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

Despois de tres semanas convertido en sala de cine da man de Cineuropa, o Salón Teatro inicia a recta final do ano cunha programación que se achega a diferentes artes escénicas, do circo á danza e, como non, sen esquecerse do teatro. Ademais, haberá unha achega á musica. Unha mestura que moitas veces tamén se poderá ver nos propios espectáculos.

A primeira cita será co circo. Mañá venres, a partir das 20.30 horas, chegará a montaxe Futuro animal no marco do Foro D10! e da man da compañía Twisting the Balance. Trátase dunha peza que se fixa nos procesos de deshumanización da sociedade actual. Despois, durante a fin de semana, tomará o testemuño María Move, que interpreta Toda a beleza do mundo. Un solo de danza para expresar as emocións puras. Danza ligada á orixe, á biografía, o lugar da procedencia. O sábado día 1 a función será ás 20.30 horas e o domingo, ás 18 horas.

Na ponte festiva chegará a sede do Centro Dramático Galego Xerpo Teatro coa peza Casquería e outras vísceras (día 8, 20.30 horas, e o día 9, 18.00 horas). Volve ser unha mirada cara a interior, á substancia do ser humano. Trátase dun traballo de Álex Sobrino e Olga Cameselle baixo a dirección de Irene Moreira.

A partir do 11 de decembro chegará Sofía e as postsocráticas, a nova produción de Inversa Teatro baixo a dirección de Marta Pérez, que tamén forma parte do elenco xunto a Silvia Penas e María Roja. Ofrecerá tanto actuacións matinais para alumnos de Bacharelato, como vespertinas para todo tipo de público. Tamén haberá funcións inclusivas o 13 de decembro.

Na programación desta recta final do ano no Salón Teatro tampouco faltará a música. O 17 de decembro, ás 20.30 horas, a soprano Indra Sesti di Lucca, que estará acompañada polo cuarteto Ad Libtum Strings e Abi Smeu (violín), ofrecerá un concerto de música cantada e instrumental do Nadal. Trátase dunha iniciativa da Sociedad Filarmónica Rías Baixas e o repertorio estará formado por obras de Wolf, Tartini, Händel, Webber, Piazzola, Morricone, Shostakovich e Anderson.

Ao día seguinte, o 19 de decembro, chegará o espectáculo Soños. Trátase dunha adaptación da obra Soño dunha noite de verán, de Shakespeare, a cargo de Down Lugo. Será ás 11.00 horas.