A aventura xacobea de Lennon e Dalí

quique alvarellos

SANTIAGO

Nos anos 70 quixeron facer o Camiño, con cen hippies diante

25 nov 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

Cando o pasado 3 de xullo, Julia Bird, irmá (por parte de nai) do ex-beatle John Lennon, chegaba en peregrinación a Compostela, estaba a cumprir, dalgún xeito, un vello desexo familiar. Julia Bird percorreu o Camiño Inglés e mesmo chegou a ser proclamada este verán na Coruña embaixadora da Real Orden de Caballeros de María Pita. Esta é a segunda parte da historia xacobea dos Lennon que hoxe queremos lembrar aquí. A primeira ten como inicio París, un 24 de marzo de 1969.

En tal data coñecéronse John Lennon e Salvador Dalí. É o instante que recolle a fotografía. Segundo testemuño do propio fotógrafo, o artista francés Henry Pessar, foi el quen os presentou. Na imaxe Dalí saúda a Yoko Ono. O matrimonio viña de Gibraltar, onde celebrara a súa lúa de mel.

Salvador Dalí, autoproclamado «el pintor más famoso del mundo», quixo coñecer ao non menos célebre músico porque tiña en mente un dos seus proxectos máis extravagantes (surrealistas, poderiamos dicir sen esaxerar): facer o Camiño de Santiago con John Lennon cun grupo duns cen hippies diante, coa finalidade de atraer aos mozos e mozas á relixión católica.