María Luisa Pasín: «As vítimas aínda non denuncian na Xustiza moitas agresións sexuais»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A avogada explica que «nos procesos xudiciais hai que ter máis en conta á persoa, que non se sinta agredida nos interrogatorios»

11 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ten interese en coordinar profesionais dos ámbitos xudicial, educativo, sanitario, social, policial e outros que interveñen con vítimas de delitos sexuais, avanza María Luísa Pasín, avogada que organizou unhas xornadas técnicas sobre delitos contra a integridade sexual nas que se salientou esa necesidade. «É importante elaborar un protocolo de actuación, como hai noutros lugares. Traballaremos para que se consiga ese obxectivo», afirma.

-Como é a realidade dos delitos contra a integridade sexual?

-En reunións de profesionais do ámbito xudicial notamos un incremento destes delitos. Profesionais que fan gardas no xulgado ou no hospital detectan moitos casos, e con moita frecuencia, de agresións sexuais, mesmo con uso de substancias químicas para poder abusar mellor das vítimas. É unha situación moi relevante e preocupante. Non temos datos concretos de Santiago. Segundo o Ministerio do Interior, en España houbo 8.763 en 2016 e aumentaron a 9.537 en 2017.

-Na memoria do Instituto de Medicina Legal (Imelga) constan 35 periciais médicas no 2015 por agresións sexuais, 43 no 2016 e 61 no 2017 realizadas en Santiago, como valora eses datos?

-O Imelga só intervén cando hai unha denuncia. E as vítimas aínda non denuncian na Xustiza moitas agresións sexuais.

-Quen son ás vítimas?

-A maioría mulleres; menores e persoas con discapacidade, e entre estas tamén son maioría as mulleres. E a prostitución, o colectivo máis exposto a agresións sexuais e o máis desamparado.

-Que fai diferentes estes delitos?

-En xeral, unha muller antes de denunciar pensa moito se o debe facer, porque sabe que se vai cuestionar esa denuncia, como non se fai con outras. E entendo que non nos podemos permitir vivir nunha sociedade onde haxa mulleres que deciden non denunciar por medo a enfrontar un procedemento xudicial.

-Como é iso?

-Hai moitas preguntas que non achegan nada á investigación ou á instrución e que mesmo desacreditan á vítima. Niso a avogacía tamén ten que facer autocrítica, por esa tendencia a machacar a vítima que se se observa tantas veces. Nos procesos xudiciais hai que ter máis en conta á persoa, que non se sinta agredida nos interrogatorios, ter en conta a súa integridade psicolóxica. E tamén hai unha obriga dos xuíces para pór certos límites, sobre todo porque moitas desas actuacións parten de estereotipos que non funcionan con outros delitos, como cando se denuncia un roubo nunha vivenda, poñamos por caso.

-Hai suficiente infraestrutura en Santiago para o traballo con estas situacións?

-Santiago ten máis recursos que outras cidades e aínda precisa máis persoal e medios.

-Que persoal e medios?

-É necesario dotar en condicións unha oficina de atención á vítima, con sede física nos xulgados, e máis profesionais. Só hai unha psicóloga que acompaña ás vítimas en horario de mañá cando fan declaracións; e é precisa asistencia psicolóxica de garda, para prestar atención a calquera hora. Teñen que colaborar xuíces e fiscais para potenciar ese servizo, e que haxa unha boa coordinación na súa función.

-Hai axilidade nos xuízos?

-Para que a Xustiza actúe hai que denunciar, no xulgado de garda, na policía ou a través do hospital; despois, depende do tempo que se tarde en conseguir as probas, en investigar e na instrución, e tamén da gravidade do asunto, se o xulga a Audiencia... Cada caso é diferente.

«A sociedade ten que saber dar resposta a novas realidades dos últimos anos»

As Xornadas Técnicas sobre Delitos contra a Integridade Sexual, que encheron o centro cívico do barrio de Fontiñas, estiveron organizadas polo Concello e polo grupo Cidadás Inquietas de Compostela, que representa María Luísa Pasín.

-Que pretende ese grupo?

-Somos de momento todas mulleres, vinculadas ao Dereito, que nos xuntamos cada certo tempo para pór en común o noso traballo e mesmo temos acudido a profesionais doutros ámbitos para coñecer a súa visión. O obxectivo é dinamizar a nosa profesión, mellorar. Estas xornadas son as primeiras que organizamos, porque vemos moitas carencias en relación cos delitos sexuais.

-Que conclusións destaca desas xornadas?

-A máis importante é que se necesita aprobar un protocolo de actuación e coordinación para todo o colectivo de profesionais que interveñen en casos de delitos contra a integridade sexual. Como xa hai en moitas comunidades autónomas. É necesario que a Xunta se implique.

-Que máis se precisa para mellorar neste ámbito?

-Mellor información, nun sentido amplo. Porque, por exemplo, aquí non existen datos, como noutras comunidades, sobre os abusos sexuais a menores, que, considero, é moi básico coñecer. E tamén se precisa unha maior implicación dos medios de comunicación ao informaren destes temas.

-Que lle parece a campaña En Negro, por causa do 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero?

-Vexo ben todas as campañas que se fagan para visibilizar problemas e axudar a tomar conciencia sobre eles. A sociedade ten que saber dar resposta a novas realidades dos últimos anos, tamén aos avances e mudanzas nos ámbitos sexual e da identidade.