«Anarquismos», a dificultade de vivir fóra do sistema

La Voz

SANTIAGO

Alipio Padilha

O espectáculo do vigués Pablo Fidalgo en coprodución co CDG estréase en Santiago con tres funcións ata o día 4

02 nov 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

Desde hoxe ata o domingo 4 • 20.30 horas (venres e sábado) e 18.00 horas o domingo • Salón Teatro • 10 euros (domingo 5 euros) • O soño dun home adulto que lembra a casa e aos tres compañeiros cos que compartiu os seus primeiros anos de mocidade. Ese é o punto de partida de Anarquismos (Polo medio da habitación corre un río máis claro), o novo traballo do creador vigués Pablo Fidalgo en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), entre outras institucións, que desde hoxe ata o domingo poderá verse no Salón Teatro de Santiago.

Un espectáculo co que Fidalgo se introduce en novos territorios creativos dándolle unha maior presenza a elementos coreográficos da man dos performers Ángela Millano, Cláudio da Silva e Rocío Berenguer. Así, durante os 70 minutos que dura a peza, os protagonistas non falan, aínda que si hai palabra. Deste xeito, a montaxe pon todo o seu foco no detalle, nas formas de tocarse dos protagonistas co obxectivo de trasladar ao espectador «todas as dificultades que se pode atopar unha comunidade, un grupo de mozos, que hoxe decide saír do sistema; e hai moitos obstáculos porque o sistema vai en contra de calquera que queira vivir sen parella, cun traballo non estable ou sen un criterio de produtividade claro». Nese sentido, o autor da peza e director engade que tamén se reflicte como eses grandes grupos que se poden definir como anarquistas acaban sendo presa do propio sistema, que cada vez se vai perfeccionando máis para acabar con calquera disidencia.

Anarquismos convértese nun traballo escénico sobre a ausencia, os soños, o medo e o silencio que teñen lugar en calquera grupo ou constelación familiar. Estruturado como un poema épico e como un retrato de grupo, o espectáculo inspírase na visión dos vencidos, dos marxinais e dos instantes decisivos onde aqueles que tiveron algo en común, ideas e utopías, deixan de telo. Fidalgo explica que a elección dos artistas protagonistas fíxoa, precisamente, tendo en conta que os tres «teñen algo profundamente anarquista na súa forma de encarar á escena».

«España foi o único lugar no que os anarquistas tiveron poder»Un máximo de 56 espectadores nunha grada

Pablo Fidalgo viaxa de novo pola historia neste traballo que estrea hoxe en Galicia, como xa fixo en O estado salvaxe e Habrás de ir a la guerra. Ademais, para o creador vigués -que tamén dirixe o Festival Escenas do Cambio-, esta supón a súa segunda coprodución co CDG, despois de Daniel Faria.

- «Anarquismos», como xurdiu este traballo?

-Hai uns anos comecei a traballar sobre unha historia familiar. Encontrei relatos relacionados coa Guerra Civil, o exilio, a represión e a morte dun tío do meu avó, Rafael Lareo, que era anarquista e foi fusilado no monte do Castro en 1937. A partir de aí, empecei unha serie de pezas didácticas que tiñan bastante que ver coa historia. Neste caso, collemos as premisas da anarquía e abordámolas desde un lugar de maior liberdade. O punto de partida é como pervive o xesto anárquico, o xesto radicalmente libre e independente nos corpo dalgúns e, a partir de aí, empezamos a construír.

-Volve a apelar á memoria e á historia, como xa fixera noutras das súas pezas. Por que esta mirada atrás?

-En certo xeito si que vén de aí, pero desde o principio entendemos que a anarquía non esixía o mesmo nivel de lectura que tivemos noutras pezas dramaticamente máis estruturadas. Nesta ocasión, tiñamos que poñer o foco na propia forza da enerxía dos corpos, na forma de tocarse, de moverse, de bailar. Esta peza adéntrase en territorios que eu non tiña traballado moito, como son a coreografía. Para min é unha peza teatral pero baseada en parámetros coreográficos. Respecto á anarquía, é moi impresionante como en España parece que non está presente, parece que non xogaron ningún papel na Guerra Civil nin nos anos 20 e 30. Sen embargo, foi o único lugar do mundo no que os anarquistas tiveron verdadeiramente poder, incluso de goberno, porque o último goberno da República tiña catro ministros anarquistas.

-Recolle que os protagonistas se enfrontan á idea dominante de que a historia non debe removerse. Ata que punto esta mensaxe nos detén agora?

-Non coñecer a túa historia, as túas tradicións, de onde vés, implica vivir no aire, estar nun lugar que non existe. O sistema actual ten moito interese en que vivamos unhas vidas ficticias, solitarias, irreais, cada un na súa casa perdendo calquera potencia política de transformar nada. Para min, ao principio, era unha cuestión de xustiza, de entender ben a miña historia familiar, que eu pensaba que non me chegara ben contada, pero agora a miña relación con todo isto está bastante reparada.

-«Anarquismos» xa se estreou en Bilbao. Como foi a acollida?

-Foi ben. Pero eu non creo nada no me gusta ou non me gusta. Nas artes escénicas hai que relativizar moito. Hai moita xente na miña xeración que estamos intentando facer unha arte que ten que ver con remover, con incomodar aos que están a ver. Hai que ser respectuoso co público, pero tamén afrontar que vivimos nun sistema que está nunha agonía, nun final, nunha decadencia moi clara. Entón, ver as nosas vidas nesa decadencia, ás veces, doe e é difícil mirar para aí.

-Como se conxuga para articular unha coprodución de sete institucións?

-Desde o 2012 vivo en Portugal, traballo cunha estrutura de produción portuguesa, que é Rumbo do Fumo, non traballo con subvencións, todo o diñeiro vén das coproducións. Ten as súas dificultades, unha das perfomers vive en Berlín, outra en París e outro en Lisboa e eu agora vivo en Roma. Saír a Portugal foi o que me permitiu ser acollido despois nalgúns lugares de España doutra forma e ter agora esta relación con Francia. Moita xente en Galicia sabe que a nosa chave para o mundo pasa máis por Lisboa que por Madrid.

-Cales son os próximos proxectos despois das representacións previstas de «Anarquismos»?

-Hai un mes déronme a bolsa da Academia de España en Roma. Estou facendo un proxecto sobre unha poeta italiana, Amelia Rosselli, que é para min a mellor do século XX nese país. Entón, é fantástico poder ter un ano para unha nova creación.

Unha grada situada sobre o escenario permitirá ao público observar máis de preto os movementos de Ángela Millano, Cláudio da Silva e Rocío Berenguer sobre as táboas. Esta singular disposición para apreciar con detalle a peza limita a tan só 56 os espectadores en cada unha das tres funcións que se poderán ver no Salón Teatro ata o domingo desta coprodución entre máis de media ducia de institucións.