Santiago brinda as chaves do éxito na era da posprodución cinematográfica

Máis de 200 profesionais dunha trintena de países asisten ao taller formativo EAVE


Santiago / la Voz

Veñen dunha trintena de países e comparten unha aspiración en común, obter as chaves do éxito no eido do audiovisual. Os secretos da alquimia na era da posprodución cinematográfica, cada vez máis chea de posibilidades e opcións entre as que elixir, bríndanse nun encontro internacional que ten lugar en Santiago. Dous anos de xestións fixeron falta para que o prestixioso programa formativo European Audiovisual Entrepreneurs (EAVE) recalase na capital galega, que acolle ao longo desta semana o terceiro e último encontro do ano.

Nel danse cita, por unha parte, medio cento de produtores en calidade de alumnos, que veñen dos talleres anteriores trala súa estadía en Luxemburgo e na cidade norueguesa de Stavanger, así como os seus titores -figuras vinculadas ao sector- que dirixen as sesións pedagóxicas do workshop; e, por outra banda, únenselles en Compostela un nutrido grupo de decision makers europeos (profesionais que teñen poder de decisión en calidade de inversores sobre o futuro dos proxectos, entre os que hai dende representantes de grupos audiovisuais ata axentes de ventas internacionais ou inversores privados).

«No EAVE reúnese a elite da produción europea. Son moi selectivos á hora de decidir quen participa e require ter un currículo para poder facelo. Pero, máis aló de ser un foro de coñecemento e formación sobre materias claves como o financiamento ou a xestión de coproducións, é tamén un foro de negocio porque nestes encontros créase unha rede de contactos entre profesionais que en moitos casos se traduce en colaboracións internacionais ou futuros proxectos. Para o audiovisual galego é unha maneira de conectar con profesionais europeos de primeira fila», destaca Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual na Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), institución que colabora coa asociación Les Entrepeneurs de l?Audiovisuale Européen na celebración do taller en Galicia.

Participación galega

O convenio asinado pola Agadic permitiu, ademais, que accederan oito galegos a un taller impartido polo profesorado do EAVE e feito á súa medida. «Trátase dun grupo de produtores novos, con experiencia e con madeira, pero que están aínda empezando», apunta Meijomín, quen fai fincapé na oportunidade que supón, tendo en conta o complicado que resulta entrar no programa, no que habitualmente adoita haber só un par de españois por ano.

«Dende a Agadic estase facendo un grande investimento para apostar pola formación, porque consideramos primordial insistir na información e na formación, ao tempo que se traballa en diferentes liñas para conectar o audiovisual galego no contexto europeo no que se enmarca», engade a encargada de Política Audiovisual.

Os seleccionados pola organización do EAVE son Laura Fernández, de Vía Láctea Films; Paula Cons, de Agallas; Simone Saibene, que vén de filmar unha longametraxe e ten un documental previo; Gaspar Broullón, dunha empresa nova chamada Ollo Vivo; Alberto Domínguez, de CTV; Natividad Juncal, freelance que participou na produción do gran éxito dos últimos premios Mestre Mateo, Dhogs; e Alejandro Enríquez, de Mondotropo. Todos eles contan estes días cun asesoramento personalizado sobre os proxectos e modelos de negocio que teñen entre mans, ao tempo que participan en talleres específicos sobre distribución, mercadotecnia e outras moitas cuestións que deben manexar hoxe os produtores audiovisuais.

Aínda que o tema central do encontro en Galicia era a ficción e os documentais, tamén se está a facer referencia a outro tipo de xéneros. E, por exemplo, Teresa Fernández, de Bambú Producións, abordou o tema das fanseries e falou da súa incursión na plataforma de Netflix.

Na tarde de onte interveu Peter Andermatt, responsable de Media en España, quen deu unha charla sobre a rodaxe no país. Reparouse tamén nas posibilidades que ofrece Galicia, tanto polas vantaxes fiscais respecto ao resto do Estado como polo nivel dos seus profesionais e da súa competitividade na relación calidade-prezo. E o domingo, coincidindo coa xornada de clausura, a EAVE festexará o seu 30 aniversario, acontecemento que coincide coa estadía en Compostela.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Santiago brinda as chaves do éxito na era da posprodución cinematográfica