Cen anos do zapateiro amante da lectura

O negreirés Manuel Federico Quintáns Otero, un centenario en plena forma


negreira / la voz

A Federico gústalle moito a lectura, sobre todo polas noites, e tamén xoga ao dominó na cafetería da Casa da Cultura, e o fútbol -confesa ser do Celta-, e ten teléfono móbil. Conserva unha saúde envexable á súa idade, así como unha extraordinaria memoria sobre a vida, as familias e os acontecementos de Negreira. Este zapateiro de profesión vén de cumprir un século de vida, pero el segue fiel aos seus costumes cotiáns coma se nada o perturbase.

Naceu e vive na Chancela, parroquia de Logrosa, onde goza do día a día coa súa familia «que me coida moi ben», apunta. Le La Voz de Galicia tódolos días e lembra cal foi o seu primeiro libro: «Eu empecei lendo o Quijote, que mo prestara Jesús García Calvo, en paz descanse. Antes, os libros non tiñan importancia, ou non debían ter, porque había unha librería na rúa do Carme que lle chamaban a casa de dona Benita, que vendía papeis de cores, pizarras, cadernos, pero coñécese que os libros non tiveron saída, e entón o fogueteiro que había aquí, de inverno, andaba recollendo papeis para facer as bombas, e de aí empecei a ler os meus primeiros libros». Tamén confesa que Almudena Grandes é a súa escritora de cabeceira. O último que leu dela: Los pacientes del doctor García.

Pero a Federico, coma tantos outros, marcáronlle os anos que estivo combatendo -forzado- na Guerra Civil, no seu caso no bando nacional: «Estiven na fronte de Asturias, en Grado, logo en Oviedo, en Alfaro (Logroño), para logo seguir por Guadalaxara e para a fronte de Teruel, e de alí á fronte de Huesca. Licencieime en Nava (Asturias), e con vinte anos cumpridos cheguei á casa o día de Reis». O seu oficio de zapateiro valeulle para arranxarlle os zapatóns dos soldados.

Cando regresou a Negreira, volveu ao seu antigo posto de zapateiro con José Gómez, pero aos 22 anos decidiu instalarse pola súa conta. «Aquí na Chancela remendaba zocos, e tiven moita sorte, que non emigrei e saín para adiante, porque daquela facíase todo á man, porque as fábricas quedaron desfeitas e non había produción de calzado», explica Federico.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Cen anos do zapateiro amante da lectura