Carmen Rodríguez: «Temos un grupo de mozas que veñen con ansias de crear un futuro no rural»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A portavoz de Mulleres de Seu di que a entidade quere favorecer a presenza da muller na vida da cooperativa

16 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Para celebrar o Día Internacional das Mulleres Rurais, a cooperativa CLUN organizou un encontro do grupo Mulleres de Seu, onde están as cooperativistas desta entidade. Carmen Rodríguez, vicepresidenta de Feiraco e coordinadora do grupo, asegura que o rural ten moito futuro, e da man das mulleres, aínda máis.

-É o rural un sector onde a muller o ten especialmente complicado?

-É que ás veces temos a percepción de que porque somos mulleres temos que demostrar máis, quizais por un tema cultural, e está claro que temos que avanzar nese camiño, porque non temos que demostrar máis aínda que certo é que ás veces a nosa contorna nolo esixe. Nese sentido xa se deron pasos, pero aínda imos lentos.

-Que busca Mulleres de Seu?

-Empezamos no ano 2013 e os nosos obxectivos son tres. Por un lado impulsar accións formativas específicas da nosa temática, como gandeiras e empresarias que somos. Toda esa parte que ten que ver coa nosa profesión, técnica e profesional. Outra das nosas liñas é sensibilizar a muller, favorecer a motivación e a autoestima, porque para que nos valoren tamén temos que empezar por nós mesmas e romper moitos tabús e estereotipos de xénero. E en terceiro lugar queremos favorecer a presenza da muller na vida da cooperativa, porque o que viamos ata o de agora é que a presenza das mulleres é moi escasa en reunións e asembleas, e xa non che digo en postos do consello reitor.

-E no día a día, na realidade do rural, están as mulleres?

-Aí si, o noso grupo, tras a incorporación en CLUN, está constituído por máis de 150 mulleres que participan activamente en actividades de formación, e o noso obxectivo estratéxico para o 2020 é que todas as compañeiras se involucren neste proxecto de empoderamento da muller e de liderado. Queremos aproveitar este talento en conxunto e darlle máis visibilidade á muller.

-O rural é un bo ámbito para emprender?

-Si, si.

-Hai futuro no campo para as mulleres?

-Por suposto. De feito o noso perfil de socias é moi variado, eu diría que se pode dividir en tres bloques. Por un lado temos as que levan toda a vida na cooperativa. Por outro, as mozas que se incorporan ao rural, ás que a través do grupo Mulleres de Seu lles temos que dar a formación que demandan, porque este grupo de mozas veñen con ansias de crear ese futuro no rural e de constituírse como empresarias e gandeiras. E tampouco podemos esquecer ese outro grupo de socias que a día de hoxe, ou ben por idade ou por algunha enfermidade, non están tan activas no sector, pero que nos achegan toda esa sabedoría e experiencia, ese sentimento de arraigo e fidelización á cooperativa. Iso marca moito á xente moza porque ve ese arraigo á terra. A pesar dos perfiles tan variados enriquecémonos moito.

-Chega xente nova ao campo que mesmo non tiña vínculo con el?

-Claro que si, e ademais serve de asentamento no rural. Ás veces nós mesmos nos equivocamos, moitas veces escóitase ‘‘eu ao meu fillo se lle podo dar unha carreira non quero que estea coas vacas’’, e agora ocorre que son os fillos os que deciden seguir. Temos un importante número de socias que son titulares das explotacións, e isto danos motivos para que este grupo siga e responda ás demandas das nosa socias. Agora xa se ve o rural como unha maneira de vivir porque a calidade de vida cambia, non é coma os nosos pais que non tiñan un día libre, senón que hai outra forma de levar as explotacións con equipos de apoio, de substitución. Ademais, hai que darse conta de que ti es a xefa, a empresaria da túa explotación.

O grupo. Mulleres de Seu agrupa a máis de 150 socias de CLUN, a cooperativa que integra a Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto.

O obxectivo. É a aposta de CLUN pola igualdade e a busca do desenvolvemento profesional das mulleres como empresarias e gandeiras.