Kathleen March: «Quero ver reconstruídas todas as portas da cidade histórica de Santiago»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

xoan a. soler

A investigadora norteamericana, cofundadora da Asociación Internacional de Estudos Galegos, está escribindo unha novela ambientada en Compostela

29 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O museo La Casa de la Troya é o escenario romántico onde atopamos a Kathleen March (Rochester, USA, 1949), unha investigadora que se namorou de Galicia hai máis de corenta anos, cando estaba en plena formación académica. Hoxe está xubilada como catedrática de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Maine, centro onde contribuíu a fundar en 1985 a Asociación Internacional de Estudos Galegos. «Acabamos de celebrar en Madrid un congreso da asociación, así que, logo de estar unha semana alí, como non ía vir dúas a Santiago!», advirte a profesora, que dedica o seu tempo a pasear polas rúas que «adora», visitar as escavacións da catedral e andar á procura de documentación para unha novela ambientada en Santiago que pretende publicar en 2019.

O relato vai dunha investigadora norteamericana -explica- que ten certo amor por Galicia e que vai descubrindo cousas que os galegos non saben, ao tempo que vai atopando outros lazos e temas de mulleres. Rexeita que sexa unha obra autobiográfica, aínda que recoñece un certo paralelismo, e sinala que será «moi» discreta. «A protagonista chámase Lavinia Rivers e traballa nun centro histórico na vila de Brunswick. É de profesión arquiveira e interesouse por Galicia, Portugal e as linguas por mor duns materiais relacionados co comercio da pesca e cun xuízo de cinco piratas da costa de Iberia que foron xulgados en Boston», desvela, ao tempo que subliña que eses materiais existen, «non é ficción». A historia inclúe unha parte da emigración galega a Cuba do século XIX, «illa coa que Maine tamén tivo contactos comerciais despois de 1898», conclúe.

De Rosalía de Castro, sobre a que publicou un estudo sobre o feminismo na súa obra, di que ten moitas cousas en común con outras escritoras en lingua inglesa da época, proba de que estaba á altura e non era unha muller illada nunha zona rural de España: «Se eu desde fóra me decato disto, é unha verdade. Rosalía tiña o amor pola terra e as raíces, mais tiña ideas adiantadas, avanzadas, igual que Manuel Antonio, o poeta de Rianxo. Era consciente do que se estaba a facer fóra de Galicia e de Madrid. Os autores galegos teñen a mente aberta, porque teñen a capacidade de captar as cousas que veñen de fóra. É un tesouro que ten esta cultura».

A tradución é outro dos afáns da profesora norteamericana, actividade que cultivou estes anos con obras do seu amigo Miguel Anxo Fernández, autor nacido no Carballiño e afincado en Vigo. «Quero pasar os meus últimos anos traballando sobre literatura de creación e tamén sobre as traducións, porque as dúas son a miña paixón», sentenza.

Paseando pola zona vella rememora en Fonseca cando a súa filla xogaba nesa praciña: «Kimberleigh naceu en América, saíu artista e gústalle vir a Galicia». A Kathleen gústanlle os libros vellos e pasar pola libraría Couceiro, a textura das pedras e a costa galega, que é «semellante» ao litoral de Maine. «Atráeme moito a cultura popular. Iso de se hai ou non un túnel por debaixo da Quintana. E o casco vello gústame polas capas históricas, porque na nosa cultura, debaixo do chan, non hai nada. Tamén quero ver reconstruídas todas as portas de Santiago. Na próxima vida vou ser arqueóloga», declara.

Comprometida coa cultura galega e negándose «rotundamente» a ser pesimista, cre «moi importante» asumir o papel social da lingua e «facer un esforzo por empregar un galego de calidade para normalizalo aínda máis». Marica Campo, Begoña Caamaño, Pilar Pallarés, Susana Aríns e Inma Souto son outras autoras que traduce ao inglés. De súa nai aprendeu o gusto pola memoria e pola familia, fai caldo galego e ama «moito» a Galicia.

A protagonista. Kathleen March namorouse de Galicia hai máis de corenta anos. Actualmente está xubilada como catedrática de Lingua e Literatura Españolas da Universidade de Maine (Estados Unidos). Non obstante, desenvolve unha intensidade actividade como investigadora, escritora e tradutora.