Regresa a «superheroína» Rosalía

La Voz

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A segunda edición do festival dedicado á escritora celébrase este sábado

25 sep 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

Día 19 • De 11.00 a 21.30 horas • Praza de Cervantes • Con capa e anteface. Así aparece representada Rosalía de Castro, como unha superheroína, no seu regreso á praza de Cervantes para a segunda edición do festival dedicado a súa figura, que se celebrará este sábado 29. Será unha demostración de que a súa mensaxe e imaxe son actuais mediante múltiples produtos que a teñen como protagonista, como tamén sucede na música, na danza e en representacións artísticas, como o grafite.

A feira abrirá ás 11 da mañá coa presenza de librerías e tamén doutros negocios que comercializan produtos que empregan a imaxe de Rosalía, como cervexa, camisolas, ilustracións, bolsas... Aos postos uniránselle actividades que teñen a autora de Follas novas como gran referente. Así, haberá pasarrúas teatralizado con Os Quinquilláns, que no seu percorrido visitarán a casa natal de Murguía, a Praza de Abastos ou o Liceo da Xuventude. Tamén están programados talleres de grafite e de rap, estes último empregando versos de Rosalía.

Pola súa banda, Ánxela Blanco, acompañada de Mónica de Nut, presentará un espectáculo de danza Sexo ou as fillas do mar, creado especificamente para esta segunda edición do festival. Non faltará a música. Pola mañá, ás 13 horas, Uxía Senlle ofrecerá un concerto infantil. Pola tarde, ás 20 horas, subirase ao escenario Son Trío, que fusiona o poemario Follas novas cunha instrumentación clásica e unha linguaxe musical actual. O broche será coa formación Val das Mouras, que levan anos dedicándose a poñerlle música á obra da escritora. Tamén visitará a feira «SuperRosalía», que xa onte saíu ás rúas.

«Rosalía é unha superheroína que quere conquistar o corazón dos galegos e dos de fóra para facer que sexamos esa cultura pioneira, poderosa, que pode con todas as barreiras que, ás veces, se lle poñen dende moitos lugares. Trátase dunha cultura que non só resiste, senón que crea innovación e calidade», destacou a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, que tamén lembro que Rosalía «é un símbolo que vende Galicia fóra».

Esta segunda edición do festival organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello chega despois da boa acollida lograda o ano pasado. A concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, salientou que se trata dunha proposta que incide no comercio de proximidade e en fomentar un turismo de calidade.