Rafael Brantuas: «A experiencia favorece a formación das persoas maiores desempregadas»

D


Santiago / la voz

No Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Compostela está a finalizar o último dos catro cursos para persoas desempregadas que organizou os últimos meses, de cociña. O alumnado que finaliza con éxito consigue o certificado de profesionalidade, que lles amplía as expectativas laborais. Rafael Brantuas é o docente que se ocupa das últimas aulas: «De 15 que comezaron, 9 conseguiron traballo no verán e abandonaron o curso, restan só 6. O módulo que lles dou é o último, de decoración e presentación de pratos. Antes ensinaron outros colegas do centro, que lles indicaron como preparar peixes, carnes e máis alimentos; e agora que teñen coñecementos para cociñar é cando me ocupo de que que aprendan a facer unha boa presentación», explica.

Este curso dura 828 horas, con 80 de prácticas en empresas. Os outros tres (de impresión gráfica, repostaría e operacións básicas de restaurante e bar) eran máis breves. «Todas as persoas que participan son demandantes de emprego e desempregadas. O obxectivo é que podan ter unha ocupación. Co certificado de profesionalidade é máis fácil que as contraten. Tamén poden continuar estudos e facer o ciclo medio de cociña, no que se lles validan varios módulos; ou montar un negocio», acrecenta.

Rafael é un docente veterano do CIFP Compostela. Foi dos pioneiros da aula de investigación e demostración do centro, onde participou en proxectos innovadores como o de conservación ao vacío de lacón, polbo e outros alimentos tradicionais do país para a súa comercialización como precociñados ou, máis recentemente, na elaboración de hamburguesas con mel, castañas e outros produtos de calidade e ecolóxicos. Estes cursos para persoas desempregadas teñen un alumnado moi diverso, mesmo de idades xa avanzadas, que levan anos sen relación cos estudos. Iso non é un obstáculo, afirma Rafael: «A experiencia favorece a formación das persoas maiores desempregadas. Teñen polo xeral máis responsabilidade, notaron a crise e o estar sen emprego, e iso contribúe para que se poñan ao día», manifesta.

Neste curso, que principiou en maio e finaliza en outubro, teñen mesmo inmigrantes: «Hai unha alumna de Rusia e outra de Venezuela, que queren traballar aquí. Para as persoas que finalizan estes cursos despois é máis fácil que as chamen para un posto de traballo». Os establecementos do Sistema Público de Emprego seleccionan o alumnado.

«Hai dous anos tivemos un curso como este e a metade do alumnado traballan. Comezan como axudantes de cociña e teñen una progresión rápida, porque pola súa preparación poden asumir a responsabilidade da cociña dun establecemento pequeno ou mediano sen problemas. De quen finalizaron en 2016 están a traballar na praza, en hoteis da cidade e algún mesmo puxo un negocio», acrecenta Rafael.

Unha evidencia das posibilidades de emprego é que chamasen a 9 dos que comezaron este curso: «Procuramos finalizar a formación no primeiro semestre, porque no verán hai moita demanda para traballar na cociña ou na hostelaría. Neste caso non houbo esa posibilidade, por ser un curso de moitas horas. E un 20 % deste alumnado continúan estudos para conseguir un título de FP, que lles abre máis portas», indica Ramiro Esparis, director do CIFP Compostela. Eva Burgos, unha das alumnas que está a acabar o curso de cociña, adianta que ela e unha colega pensam facer o ciclo medio de cociña, pola oferta modular de adultos do centro este próximo curso. Eva antes traballou en postos administrativos, e agora pensa en «poder montar algún negocio relacionado coa cociña», di.

Docente e investigador. Rafael Brantuas é profesor de cocina e un dos docentes que dinamiza a investigación en gastronomia no CIFP Compostela.

Curso. O centro organizou este ano catro cursos para persoas desempregadas. Só continúa activo o de cociña, de 828 horas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Rafael Brantuas: «A experiencia favorece a formación das persoas maiores desempregadas»