Martiño Noriega: «Santiago recuperou o orgullo de cidade»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

A piques de desvelar se se presenta de novo ás municipais, insiste en desmarcar este proceso do conflito de En Marea

02 sep 2018 . Actualizado a las 22:28 h.

Aínda haberá que agardar un mes para que desvele se se volve presentar ás eleccións como cabeza de lista de Compostela Aberta, pero a coincidencia no tempo coa posta en marcha da Mesa pola Confluencia de En Marea dá a sensación de que Martiño Noriega (A Coruña, 1975) anda na misa e repicando, para decidir que é o que lle convén. El négao: «Non, non hai nada diso. É máis, os tempos estaban marcados con anterioridade á iniciativa de Compostela Aberta e formaba parte dunha reflexión no campo persoal que tiven no verán e doutra reflexión conxunta cos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e co espazo de Compostela Aberta que terei agora».

-As expectativas para repetir, e ata superar, os resultados das mareas municipais do 2015, non esquecen que daquela fervía o 15M e agora non?

-O momento político é diferente. Cando chegamos éramos a punta de lanza dun espazo político que aspiraba a abrir unha fiestra de oportunidades nun momento constituínte no Estado. Evidentemente, o momento é diferente, pero eu creo que seguen vixentes as razóns de ser que nos levaron aos concellos e que o resultado que se lle vai poder presentar aos veciños e veciñas destes catro anos vai permitirnos consolidar un espazo político máis alá do que digan as demoscopias.

-Un bo resultado nas municipais podería ser unha plataforma de lanzamento para a Xunta?

-Creo que o espazo político xógase moito nas municipais. Revalidar os resultados e incluso amplialos pode relanzar o coñecido como espazo popular e colocalo tamén en disposición de disputarlle a hexemonía ao PP. Dito isto, a pesar dos debates que se dan, eu creo que o reto da capital do país é o suficientemente ambicioso para seguir gobernando un lugar como Santiago e para que esteamos centrados no proxecto de Compostela sen pensar noutro tipo de cuestións, a pesar de que non fagamos desleixo das nosas responsabilidades.

-Quedaron atrás os tempos escuros da política municipal?

-Creo que Santiago pasou páxina e nós fomos un dos motores dese proceso. Penso que o pasado está aí para lembralo e que o Partido Popular aínda ten unha materia pendente que é a de pedir desculpas pola anterior lexislatura. Dito isto, coido que un dos principais obxectivos, que era normalizar a vida da cidade desde o punto de vista institucional, está acadado.

-Gobernar é darse de golpe coa realidade?

-Non tes que facer renuncias ideolóxicas pero a realidade obrígache a ser serio, a escoller as batallas e a non xerar expectativas. Nós non prometemos grandes cousas, faremos contas a finais da lexislatura pero creo que hai moitas cuestións que se foron cumprimentando. E creo que Santiago recuperou o orgullo de cidade e de capital do país.

-Está Compostela en obras en ano electoral. No era iso o que se lle afeaba ao PP?

-Dáse unha coincidencia este ano que a min me levou a firmar toda esa obra pública, pero non por unha estratexia electoral, non hai mellor estratexia electoral que executar obras e logo vivilas, antes das eleccións. Non son partidario da vella política que leva a pensar que facer obras no último ano dá moita rendabilidade porque a execución das propias obras dá bastantes problemas, e eu creo que a rendabilidade está sempre cando unha obra é vivida. Pero estamos contentos porque vaise responder a obras moi demandadas durante moitos anos pola cidadanía.

-Santiago está na listaxe de cidades culturais europeas, pero hai quen di que se está a descoidar ese liderado.

-Non o vexo así. Penso que é un reducionismo entender que o impulso cultural é unicamente institucional, iso é non entender nada do que é a cultura. Creo que as institucións teñen que facilitar a expresión cultural e darlle un marco de seguridade política. E eu penso que si se recuperou o latexo: a nova xerencia no auditorio que está a facer un magnífico traballo, Cineuropa, eventos importantes como Womex, estase a recuperar o multiusos do Sar para a programación de eventos... E facilitando o tecido sociocultural vencellado a industria cultural. Pero a expresión cultural da cidade vai moito máis alá do goberno municipal, para o bo e para o malo. Percibo unha potencia cultural en torno ao libro galego, está a semana do libro... Nestes momentos creo que somos referentes no país na expresión cultural.

-Pero os grandes espectáculos?

-Nós buscamos outro modelo de festas descentralizado, pero que fomos mellorando e que no Apóstolo complementouse con algún gran evento como Rubén Blades. Creo que é un modelo democratizado. É outro modelo.

«Intentamos cohabitar cun goberno ideoloxicamente antitético pero co que colaboramos por responsabilidade»

 

 

As relacións cos responsables autonómicos non sempre foron fáciles, pero necesarias pola capitalidade e pola organización do Xacobeo. «Intentamos cohabitar cun goberno ideoloxicamente antitético pero co que colaboramos por responsabilidade».

-Coa conselleira de Infraestruturas non sempre é así.

-Pero é unha excepción. Ás veces estou molesto porque hai unha exposición pública de traballos que son interadministrativos e que nunca se levan ao espazo público, hai como un interese en xerar dinámicas sesgadas que non axudan á cidade. O grado de cooperación co resto das administracións é bo.

-Coas grandes infraestruturas encamiñadas, non é un caramelo encabezar o cartel de CA?

-Creo que o espazo está consolidado máis alá de quen o lidere. Os tempos políticos cambiaron, quen nos ía dicir hai nada que ía estar gobernando Pedro Sánchez? Nos queda por dar o último golpe para presentar un traballo serio e iso é o que nos preocupa. Xestionar toda a obra pública que está en marcha non vai ser traballo menor.

-Pódese ser rebelde con 43 anos e dous fillos?

-Creo que nunca fun tan rebelde. A miña visión radicalizouse nos anos da crise, pareceume moi inxusto todo o que aconteceu.

«A depuradora vai ser máis barata, con salvar parcialmente os fondos da UE, sae máis a conta»

 

 

O apartado estrela do programa, a recuperación de servizos públicos, quedou a medias.

-Recuperouse a ORA, pero os usuarios protestan pola rotación do servizo. Daráselles resposta?

-Nós o que fixemos foi aplicar a ordenanza que leva vixente dende hai sete anos. O PP terá que explicar por que foi insubmiso coa ordenanza que eles mesmos aprobaron. Se está a revisar a ordenanza por se hai que estudar cuestións como a tarxeta de residente ou a dos veciños de concellos limítrofes que traballan na capital. No proceso de municipalización, fóra das críticas dos usuarios, que respecto, penso que hai críticas interesadas polo medo ao efecto contaxio doutros procesos de remunicipalización. Cando entras a recuperar servizos entras en colisión con poderes fácticos, co sector privado. Recuperamos a asesoría xurídica, recuperamos o guindastre e a ninguén se lle escapa que no horizonte está a posibilidade de recuperar a xestión da auga. Eu creo que ese horizonte condiciona as críticas e mesmo algúns recursos ás municipalizacións actuais.

-O da auga é máis complexo, estamos a falar de grandes infraestruturas.

-Si, pero estamos falando dun recurso natural e dunha reivindicación que agora é mundial. Máis alá do modelo de xestión, os recursos naturais deben ser prestados de maneira directa polas administracións.

-Se non encarece o recibo, non?

-Ou co mesmo recibo pero cunha mellora das condicións.

-Albisca por fin unha solución para a depuradora?

-O mércores temos outra reunión en Madrid. Da anterior vin con boas sensacións e penso que a proposta que se está a facer de Silvouta, que non se podía facer antes porque está prantexada en base a novas solucións tecnolóxicas, nos permite pensar que podemos ter unha nova depuradora e solucionar un problema estrutural con menor custo e menor impacto medioambiental que a do Souto.

-Non van os tempos moi xustos para as axudas europeas?

-Como a execución do proxecto, en teoría, vai ser máis barata que no Souto, con salvar parcialmente os fondos da UE, sae máis a conta que o proxecto anterior.