Carlos Blanco, culturista: «É un estilo de vida, para as vacacións buscamos un hotel con ximnasio» 

paula hernández / s. l. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

LUCÍA JUNQUERA

O mozo pensa que é necesario manter un equilibro entre a comida real e o deporte

28 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O culturismo non é só un deporte, é un estilo de vida. Carlos Blanco desfruta del como un dos poucos culturistas que hai en Galicia que compiten a nivel profesional. El soñaba con ser campión de Galicia pero esa meta cumpriuse con creces porque xa é campión de España e subcampión do mundo no 2015 e no 2017. «A miña mete cumpriuse fai moito tempo. O que estou vivindo agora é un extra, un regalo. Agora só desfruto de todo o que vivo: viaxar, coñecer os sitios onde vou competir, coñecer xente, e de todas as vivencias», relata Carlos Blanco. O 2 de setembro participará por primeira vez nun campionato profesional en Paraguay, tras obter a tarxeta IFBB Elite Pro. A este campionato vai acompañado da tres veces campioa de España Raquel Arranz, que tamén participará.

Os adestramentos forman parte do día a día do atleta, os 365 días do ano. «É un estilo de vida, de vacacións buscamos un hotel con ximnasio ou un ximnasio que estea preto». Actualmente, di, «adestro unha hora e media intensiva de musculación diaria e despois hai que sumarlle o tempo de cardio». O tempo que lle dedica ao cardio depende de como estea fisicamente. «Teño feito ata tres horas de cardio ao día en etapas de precompetición. Agora que estou sen graxa só fago media hora de cardio, fai tres meses facía dúas horas». Blanco ten entre un 5 e un 6 % de graxa, a xusta para recubrir os órganos e isto mídeno con plicómetros, porque «a aproximación que fan as básculas non serve para nada. Eu algunha vez peseime na farmacia e, estando nun estado de forma bo cun 15 % de graxa, a báscula marcárame un 30. Iso non é fiable», sostén.

O deporte non o é todo para os culturistas, a comida e o equilibrio tamén son esenciais. «Fago seis comidas ao día, cada tres horas, dende as 08.00 ata as 23.00». Esta disciplina é ríxida. «Todo o ano así, é moi raro e case imposible que eu me salte unha comida». O prato perfecto para este profesional é «un 60 % de carbohidratos, un 30 de proteínas e un 10 de graxa». As verduras non as pesa e despois de cada adestramento toma un batido de proteínas. En estado de precompetición as súas comidas son «sota, cabalo e rei». Destaca os seguinte alimentos: «unha fonte de proteína moi limpa como pode ser a peituga de polo, pavo ou clara de ovo, a carne e o pescado brancos; unha fonte de carbohidratos limpa como arroz, avena ou pataca; e verdura cocida». Iso si, a súa dieta non esixe sempre tanto sacrificio: «Cando vou á casa de meus pais como o que haxa».

Algo que Blanco nunca consume é «o que non debería comer ninguén, graxas saturadas, fritos, azucres e fariñas refinados e cousas procesadas; alimentos que nutritivamente non son adecuados». Afirma que el desfruta moito máis «comendo a tortilla de patacas de miña nai ou un arroz con lumbrigante que unha pizza. Eu valoro a comida real, aínda que teña graxa». E o alcohol? «Nin unha copa de viño. O alcohol só fai mal, deshidrata e crea dano hepático e renal. Iso de que unha cervexa ao día é o mellor que hai é unha trola».

Onde comprar roupa parece unha labor complicada para un culturista profesional. «O que fago é comprar tallas máis grandes para que me pasen polas pernas e despois meterlle a cintura. As camisetas compro unha 4XL e despois non me importa que me queden frouxas». Neste tempo de precompetición Blanco tamén coida a estética indo ao solárium e coa depilación corporal.

O deportista. Carlos Blanco soñaba con ser campión de Galicia, pero conseguiu ser subcampión do mundo de culturismo en dúas ocasións, no 2015 e no 2017.

Próxima competición. En Asunción, Paraguay, o domingo que ven. Será a súa primeira competición profesional tras obter a tarxeta da IFBB Elite Pro.