Manuel Soto: «Os residuos están a aumentar outra vez por non haber boa prevención»

Joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Promoven unha investigación por Internet para coñecer mellor a situación de Galicia

24 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A xeración media dos residuos en Galicia nos últimos anos é de 1,2 quilos/día por persoa, cunha composición media do 7 % de vidro, un 15 % de papel e cartón, o 14 % de plásticos, o 45 % orgánico (de alimentos) e o 16 % de perigosos, voluminosos e outros materiais. «A nosa comunidade recicla na actualidade un 10 % dos residuos xerados no ámbito doméstico, sobre 1,2 millóns de toneladas anuais; a reciclaxe está lonxe do 60 % que establece a normativa anual. Entre os anos 2009 e 2013 descendeu a xeración de residuos da poboación galega, pola crise. Agora os residuos están a aumentar outra vez por non haber unha boa prevención», afirma Manuel Soto, profesor da Universidade da Coruña, de ampla traxectoria no movemento ecoloxista galego.

Para contribuír a mellorar a prevención, nos últimos meses promoven un estudo, a través de Internet, que calquera persoa pode cubrir en https://emapic.es/custom/residuos-udc e que se interesa polos hábitos de compra e a separación dos residuos. «Son 31 preguntas e, cando se acaban de cubrir, a persoa é informada dos seus resultados sobre os residuos que xera, porcentaxe de recollida selectiva e da súa pegada ecolóxica. Tamén se lle indica a súa situación sobre a media galega. Intensificaremos a investigación neste próximo curso e queremos que tamén se utilice nos colexios, que sirva para que reflexionen docentes e alumnado», esclarece.

Teñen datos duns 600 cuestionarios, uns 80 da zona de Santiago. «Os resultados non se poden tomar como representativos, aínda que indican as opcións máis aceptadas e as menos. Así, un 89,2 % da persoas da área de Santiago responden que sempre levan os electrodomésticos, colchóns e outros residuos voluminosos a un punto limpo ou chaman ao servizo que ofrece o Concello; o 87,8 % separan os residuos perigosos, como as baterías, medicamentos ou produtos químicos; o 86,5 % separan todo o vidro e usan o contedor específico; o 68,9 % usan o papel de escritura polas dúas caras; o 55,4 % sempre recollen e reciclan o aceite vexetal utilizado ao cociñar; o 59,5 % compran leite en botella de vidro reutilizable; o 51,4 % consomen auga da billa ou da fonte; ou o 39,2 %, para compraren, levan sempre o carro da compra e bolsas para reutilizar e piden na tenda que non lles dean bolsas».

O estudo, que apoia a Fundación Alcoa «analiza as opcións de compra e de redución de residuos, busca ser participativo e educativo. Os datos son mellores que a media do país, quizá porque a maioría das persoas que o coñecen e xa participaron teñen unha boa información ambiental», acrecenta o profesor.

Unha boa conduta ambiental «supón reutilizar bolsas e demandar os menos produtos envasados; facer unha boa separación de residuos no lar; e mesmo reducir residuos ao utilizar a opción da compostaxe doméstica, cando existe esa posibilidade».

Manuel Soto valora que «sería un éxito reducir o 50 % das bolsas polas que agora se esixe pagar». Salienta que «un 65 % do que se recicla en Galicia son residuos que separa a cidadanía. O que máis éxito ten é o vidro, un 60 %, por máis que o obxectivo deba ser o 90 %, e aumentar no resto. Reducir residuos, reciclar e reutilizar mellora a calidade ambiental e supón máis riqueza e pagar menos impostos; por iso hai que mellorar a conciencia individual e esixir maior implicación das administracións», di.

Manuel Soto. É docente de Química. Dirixe a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña e a revista ecoloxista Cerna.

O estudo sobre residuos. É aberto para todas as persoas interesadas. Valora a xeración de residuos, a recollida separada en orixe e a pegada ecolóxica.