Pilar Astray: «Vivín un conto de fadas xunto á condesa no pazo de San Lourenzo»

A presidenta da Asociación do Traxe Galego aprendeu unha lección de humildade e xenerosidade traballando para a clase alta


Santiago / la voz

Nome. Pilar Astray Rodríguez.

Profesión. Auxiliar de enfermería.

Rincón elixido. A Rúa Nova, xunto a residencia María Inmaculada. «É onde cheguei cando vin para Santiago», di. Tiña 15 anos e a súa vida deu un xiro.

Naceu na primavera do ano 1956, a uns 60 quilómetros de Compostela. En Vilasantar. É a segunda de oito irmáns, e a maior das mulleres, polo que dende moi nova aprendeu a ser responsable. Só con 7 anos, Pilar Astray xa saía do colexio no recreo para ir remexerlle o queixo a súa nai. E con 15 fixo as maletas para continuar os estudos na capital galega. «Vin da man dun franciscano, veciño da aldea, o pai Peteiro. El tróuxonos a catro chicas que queriamos saír de alí cando acabamos a escola e instalámonos na residencia de María Inmaculada. Coas monxas aprendín moitas cousas. Ensináronnos a defendernos na vida», conta.

Fixo o bacharelato nocturno no IES Rosalía de Castro. «Non podía permitirme o luxo de que os meus pais, sendo oito nenos, estiveran pagándome unha residencia sen aportar nada», explica. Ao segundo ano pediulle ás monxas que lle buscasen un traballo: «Fun a outra residencia, onde había 80 universitarias, e alí ocupábame polas mañás de limpar, cociñar e atender o comedor». Pilar recoñece que non chegou a vivir aquel apoxeo da vida universitaria en Santiago como lle houbese gustado. As relixiosas da Rúa Nova fechaban a porta ás dez e media da noite. Pero lembra con cariño as tardes no Franco, onde tan ben lle sabían os viños e bocadillos. «Era un ambiente marabilloso, moi san... ¡Canto daría por que hoxe fóra así!», exclama.

Nin cando acababa o curso, e os universitarios volvían ao fogar, esta compostelá de adopción se daba un respiro. Empezou tamén a traballar nos veráns. Case por casualidade. Unha afortunada casualidade. Preguntaron no María Inmaculada por dúas rapazas que axudaran nun fogar. Non era un calquera. «Veu a irmá da raíña Fabiola de Bélxica e necesitaba dúas chicas durante as vacacións. E recomendáronnos a unha amiga miña e a min. ¿Como vai unha nena da aldea coma eu a traballar alí?, dicíame. A verdade é que sempre llelo agradecerei, porque vivín un conto de fadas xunto á condesa no pazo de San Lourenzo», afirma Pilar Astray.

A vida xunto a realeza

Ela nunca vira semellantes luxos antes. Aqueles biombos separando as saliñas de estar no claustro. Aqueles cubertos de prata. Aquelas porcelanas finísimas. Os cabalos dispostos na entrada... Pero o que máis a marcou, neses catro veráns que pasou ao lado de María Luz de Mora y Aragón, foi o carácter da condesa de Saltes: «A señora era boa, doce, cariñosa, xenerosa... coidábanos e estaba pendente de nós coma se foramos da familia». Recorda os abrazos que lle daba cando se lle ocorría apañar do xardín un ramo de dalias ou clavelinas para adornar un recuncho da casa. Cando invitaba ao servizo a ir ao cine nas tardes libres. Ou as excursións pagas a Portugal co seu propio chofer.

Pilar Astray serviu no comedor do pazo á primeira muller que presidiu un banco en España, a condesa de Fenosa, entre moitos outros invitados de renome. Rodeada da clase alta, aprendeu unha lección de humildade, di.

Hoxe Pilar, presidenta da Asociación do Traxe Galego, é unha muller á que non lle gusta ser protagonista, malia que ás veces ten que asumir ese papel. A súa vocación sempre foi a rama sanitaria. Fixo un curso de puericultora no antigo Hospital Xeral e, ao cabo dun ano, comezou a traballar alí como auxiliar de enfermaría, profesión que segue a desempeñar hoxe. Lémbrase de como nos anos 70 aínda cortaban no mesmo centro as gasas para esterilizalas. «A sanidade daquela era algo moito menos impersoal. Eramos unha gran familia, un equipo, e facías horas extra se era necesario porque sentías esa como a túa empresa. Os protocolos están moi ben, pero afastáronnos dos pacientes», asegura Astray, quen conta que o cambio ao Clínico fíxoselle costa arriba e, nesa época, «refuxieime no traxe galego».

«O traxe galego ten que poñerse de moda e non sentir vergoña ao vestilo»

Pilar Astray leva 27 anos vivindo en Fontiñas. No centro sociocultural, apuntouse a baile. O grupo foi minguando e non había xente suficiente para manter as clases. Entón, Xoana Pintos, que estaba na Asociación do Traxe Galego, invitounos a continuar con eles e atopou de novo alí unha segunda familia e unha vía de escape mentres se adaptaba ao cambio laboral do Clínico. «Empecei a facer o meu primeiro conxunto de gala. Estiven dous anos bordando nel. Estreino o Día do Traxe Galego e choraba de emoción, véndome así vestida, na Catedral, soando as gaitas de fondo», relata. Corría o ano 1992 e dende entón non perdeu un desfile.

Ocupou o cargo de tesoureira da asociación 12 anos e outros 4 o de vicepresidenta. Tras un impás na xunta directiva, propúxose o seu nome como presidenta. Astray asegura que «isto está vivo grazas ás persoas que o fundaron e ás que o mantiveron logo». Considera que o maior logro foi aumentar o número de socios (hoxe uns 320) e de actividades. Ensinan baile, pandeireta, bordado ao aire, a facer camisas de liño e estopa a man. Participan en multitude de actos e levan con orgullo alá por onde van ese anaco do patrimonio cultural. A implicación lévaos a conservar, divulgar e promover a investigación. Mesmo a rebuscar nos baúis das casas e a recompoñer os conxuntos que foron divididos coas herdanzas.

«O traxe galego ten que poñerse de moda e non sentir vergoña ao vestilo. Non podemos deixar que caia todo no esquecemento», di, partidaria da súa evolución. Astray afirma satisfeita que «vai a máis», como se viu o día 21. E o próximo ano será especial, pois conmemórase o 40 aniversario da exaltación do traxe e as vodas de prata da primeira xunta da asociación, efemérides que celebrarán «con novos proxectos», avanza.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Pilar Astray: «Vivín un conto de fadas xunto á condesa no pazo de San Lourenzo»