«Preocupa o relevo de moitas xubilacións en poucos anos»

.

santiago / la voz

No Cimus traballan 250 persoas, entre investigadores en diferentes situacións e técnicos. O seu director, Carlos Diéguez, destaca tamén a presenza habitual de persoal de 15 a 20 países «que veñen con financiamento do seu país ou de axencias internacionais, e son una forma adicional de captarmos recursos, polo que é unha vía que queremos potenciar».

-Como valora o 2017?

-A valoración global é satisfactoria: mantemos unha produción científica elevada; en captación de recursos foi o mellor ano, ao superarmos os 10 millóns de euros; e na renovación de talento foi un ano produtivo, ao incorporarmos 4 novos investigadores principais.

-Preocupa renovar talento?

-Preocupa o relevo de moitas xubilacións en poucos anos, nun horizonte de 5 a 7 anos, por iso é prioritaria a renovación, que no 2017 veu con 4 grupos, os de Sulay Tovar, Miguel Fidalgo, Noemí Csaba e Marcos García. O ano pasado tamén fixemos a primeira xornada de portas abertas, con máis demanda da que podiamos atender, e por iso pensamos organizar outra a finais deste ano.

-Destaca a produción científica, porén baixaron as publicacións.

-Houbo 160 publicacións en 2017, por 163 en 2016, 183 en 2015 e 149 en 2014. Son cifras que indican estabilidade, nun nivel alto. Ás veces, as demoras na edición dalgunhas publicacións explican as oscilacións na produción anual.

-Tres novas patentes, é un bo resultado?

-Ultimamente potenciamos a estratexia de ter máis acordos con compañías para desenvolver o coñecemento que xeramos, e non patentar nós directamente. Porque desde que principia o proceso dunha patente até que chega ao mercado o período é moi longo, manter a propiedade intelectual é custoso, e hai risco de perder o investimento; e así as compañías participan nese risco.

-Colaborarán máis co CSIC?

-O equipo reitoral verá en setembro como ampliar esa colaboración. Na recente visita da presidenta do CSIC ao Cimus e ao Ciqus vimos interesante ampliar a colaboración actual.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

«Preocupa o relevo de moitas xubilacións en poucos anos»