Regina Jallas, a xalleira que devolve o sorriso aos emigrantes máis veteranos

Patricia Calveiro Iglesias
p. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Xoán A. Soler

A presidenta do Recreio dos Anciaos, que da acubillo en Brasil a deceas de galegos sen recursos, séntese afortunada

30 jul 2018 . Actualizado a las 13:32 h.

Regina Jallas chegou a Brasil sendo unha nena. Tiña oito anos cando deixou atrás aos veciños de Guisande (Santa Comba), soñando cunha vida mellor ao outro lado do Atlántico. «Tiña loucura por marchar xunto ao meu pai [albanel de profesión, que xa levaba xa preto dun ano alí]. Vía que as persoas de Santa Comba que se foran a Río de Janeiro volvían mellor ca nós, máis ben vestidos, e alí eramos pobres. Pensaba que en Brasil había moita riqueza, que os cartos se collían a brazadas. Pero despois, estando alí, vin que non era así», relata. A aterraxe, asegura, «foi dura», pero agora que bota a vista atrás, aos seus 68 anos, considérase unha muller afortunada, pois puido estudar, casar cun bo home e sentirse realizada na vida.

Pero tamén puido ter acabado como unha desas persoas sen recursos ás que agora socorre no Recreio dos Anciaos, un asilo para a terceira idade desamparada onde se da acubillo, e un final de vida digno, a unha trintena de galegos sen recursos. A residencia, coñecida popularmente como Santiago Apóstolo, naceu por iniciativa de Manuel Barreiro Cabanelas, un home que chegou a Río en 1888 e tivo fortuna no económico. «Como non tiña fillos, criou unha entidade para dar asilo da xente maior», di.

Regina Jallas formou parte das tres grandes entidades españolas en Río: do Hospital Español, a Casa de España e o Recreio dos Anciaos, do que foi directora primeiro e preside dende o ano 2010.

Traballo «gratificante»

¿Que é o máis gratificante? «O ben que facemos por aqueles españois que non conseguiron conquistar as Américas. Esas persoas que non tiveron éxito son a quen nós máis nos dedicamos, para darlle unha vellez digna. A maior recompensa de todas é que a xente que non espera nada da vida poda recuperar a esperanza», indica cos ollos cheos de bágoas, emocionada. Explica que a residencia que preside cobra aos brasileiros. Sen embargo, «os españois pagan só se poden, e o que poden. Eles mesmos din canto». Aínda sen cartos, reciben tamén unha habitación limpa e en condicións, varias comidas ao día, teñen coidados médicos, clases de ximnasia, biblioteca, auditorio e varias festas ao ano.

«En todo Río de Janeiro non hai un galego na rúa», afirma chea de orgullo. Conta que sempre deixan habitacións libres por se algún a precisa e a pide. Porque, aínda que hai unha rede de emigrantes ben conectada, asegura que o galego é, polo xeral, tímido e cústalle aceptar axuda a cambio de nada.

Regina Jallas formou unha xunta directiva só de mulleres. «Cando nós entramos era unha casa grande. Había moitas máis habitacións. Nós, de dúas fixemos unha, pero con baño. E, de case 300 quedaron 202. Fomos modernizando a casa. Fixémola atractiva. De feito, é das mellores que hai en Río», comenta.

A Santa Comba de Río

Poderíase dicir que o Recreio é como o Xallas do Brasil, porque «o 90% somos galegos, e a maior parte de Santa Comba», comenta a presidenta. A residencia mantense a través de tres vías: dos alugueres que Barreiro deixou para que revertan no asilo, das mensualidades dos inquilinos en disposición de pagar, e das subvencións institucionais. Xusto onte firmou unha subvención anual coa Xunta por valor de 25.000 euros. E, aínda que como boa xestora aprecia cada céntimo, asegura que «o máis importante das axudas non é o tema económico, senón esa atención e cariño que hai do outro lado». Porque, como sinalaba onte o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, os coidados básicos dos maiores galegos no exterior están entre as súas prioridades.

Regina ten moi presente que sen os bos consellos do seus pais e irmáns non habería estudado nin chegado onde está. «Nós tivemos sorte, pero outros non. Hai persoas que non teñen máis esperanza nin familia», subliña esta xalleira, empeñada dende hai dez anos en devolverlles o sorriso.