Nathalie Budiño: «De facer a loucura e saltar ao baleiro coa librería, tiña que ser no barrio»

Raquel C. Pérez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

LUCÍA JUNQUERA

A libreira abriu en maio en San Pedro as portas de Os Mundos de Carlota 

26 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nathalie Budiño escolleu estes días de festa para descansar de «dous meses frenéticos». En maio abriu as portas da librería Os Mundos de Carlota. «O mundo do libro está moi vivo, é unha parte moi importante da nosa cultura. Cando abro a porta e chega o arrecendo a libros penso, “Jo, que non se perda isto!”».

-Semella unha pequena loucura poñer a andar unha librería.

-Encántame o mundo do libro. Traballei nas librerías Abraxas e María Balteira. Logo, durante quince anos, movinme no ámbito do tempo libre e a animación. Precisaba un cambio. A loucura é que cando me plantexei volver vin que era viable.

-Decidiu, ademais, abrir no seu propio barrio.

-De facer a loucura e de saltar ao baleiro coa librería tiña que ser no barrio. O local gustábame moitísimo, tiña moitas posibilidades.

-Por que Os Mundos de Carlota?

-Quería facerlle un homenaxe á miña filla, que se chama Carlota. Tamén explica a concepción que teño dunha librería como un espazo polivalente, onde caben moitos mundos. E de todos eses mundos aos que podemos entrar a través da literatura.

-Dentro dos seus eventos ten bastante peso a gastronomía.

-Penso que os libros maridan con moitas cousas, a gastronomía, a cultura, a historia, e hai que intentar facer boas mesturas. O primeiro evento que tivemos foi unha cata literaria. Ese xogo paréceme importante

-Como escolle as presentacións e actividades que ofrece na librería?

-É un pouco a combinación entre o que eu busco ofrecer e as oportunidades que me brinda a xente que coñezo, que se achega a min. Hai froitos da casualidade, como a presentación de Sara Carballal. Eu sempre procuro falar coas persoas que veñen á librería. Alguén me dixo que unha rapaza de Compostela que vive en Madrid acababa de publicar un libro. E eu pensei, «se non o presentou que veña aquí!».

-Un xeito de reinventar o sector libreiro?

-Cando traballaba na miña anterior librería non facía falta facer nada, había cultura de libro. Unha presentación pode ser estupenda, pero se lle podes dar un plus, mellor.

-Cada vez hai máis librerías especializadas. Como escolle unha libreira o que quere ofrecer?

-É complexo. Eu o que fago é pensar o contrario: «Isto non o quero na miña librería». Respecto o mundo Disney, o mundo princesas, pero eu prefiro non ter un catálogo amplísimo de todo iso. As distribuidoras, as editoriais, xa se achegan a ti cos seus catálogos. Dentro de todo iso, cada un decide a onde quere ir. Eu aprendo moito da xente que vén á librería coas súas recomendacións.

-Ademais animou aos seus lectores a converterse en escritores.

-Foi moi curioso. Houbo unha recepción moi grande a nivel pequenos, cando fixemos o primeiro concurso de relatos. Temos máis pudor os maiores, pero seguiremos insistindo.

-No día do Orgullo LGTBI gravou un relato en lingua de signos. Como xurde a idea?

-Eu son amiga de Iván, da familia Vázquez-que teñen unha canle en YouTube con vídeos en lingua de signos- dende fai tempo. Expliqueille que me gustaría narrar un conto así. Era unha forma de mostrar que se pode relatar a diversidade dende a lingua de signos. Espero retomar a actividade contando con máis persoas.

-Para rematar, forma parte de Compostela Literaria, como foi a acollida?

-Brindáronme a oportunidade nada máis abrir. Somos moitos e moitas que estamos tirando polo mesmo soño, e trátase dun sentir e dun camiñar común.

Mesturas. Nos seus dous meses de vida a librería Os Mundos de Carlota transformouse en sala de teatro e de exposicións, cunha colección da galería Os Catro Gatos.

Diversidade. Nathalie Budiño quere poñer en marcha obradoiros para que as persoas aprendan a narrar relatos empregando a lingua de signos.