Francisco Macías: «Descobres cen anos despois que os vinte en Santiago foron interesantes»

raquel c. Pérez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

LUCÍA JUNQUERA

«Do Castromil...ao Quiqui bar» recolle un retrato da Compostela do século XX

21 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao editor, e agricultor, Francisco Macías devolveuno «o azar» á cidade de Compostela. Nacido no Bierzo, de pequeno xa estudara o COU na capital galega. Sendo xa universitario, mentres cursaba Filoloxía Galega e Portuguesa en Barcelona, acudiu xunto a un colega á oficina de turismo. «Pedimos mapas de varias cidades, el escolleu Compostela. Viña para pasar un ano... e até hoxe».

Nesta cidade fundou Edicións Positivas xunto a Xelís de Toro, despois de que Macías abandonase o seu traballo de tradutor dos guión de dobraxe da TVG. «Eu recibira cartos de meus pais, pola venta dun piso que tiñan en Barcelona, e Xelís, dun premio que gañara recentemente. El foi o único que non botou a rir cando lle comentei a miña idea de fundar unha editorial». Daquela visitaran en Barcelona a varios editores, para tomar apuntes do oficio. Trala retirada de Xelís de Toro de Positivas, esta pasou a ser un proxecto unipersoal de Macías. «Os editores cataláns animárannos moito, é certo que hoxe o mercado cambiou, pero tamén che digo que as mellores ventas de Positivas foron nos últimos anos. Fai pouco fun a instituto dar unha charla, tres rapaces me preguntaron se era un bo momento para animarse a ser editor, eu díxenlles que si».

«Positivas é unha editorial pequena, cunha liña determinada, que non sabería como definir. Experimentalismo, supoño. Co tempo tamén aprendín a controlar as tiradas, a ir probando. Tes a oportunidade de furar, e cando descubres algo que funciona as editoriais grandes tamén o sacan, é un xogo. Apostas, arriscas», sinala.

Macías, como editor, tamén forma parte da asociación Compostela Literaria. «A idea é englobar ao mundo do libro de Santiago: editores, libreiros, autores...e, idealmente, aos propios lectores». Na actualidade confórmana dez editoriais e librerías. Organizan dúas romarías literarias ao ano, unha delas o 25 de xullo, e obradoiros formativos. «Na romaría participa quen quere, con prezos bastante baixos, e pódeste involucrar se así o desexas na programación». Á pregunta de se teñen éxito Macías resposta: «na última que celebramos vendín máis exemplares que na SELIC, e iso que dura dez días». Móstrase crítico coas feiras de libros actuais, cunha organización centralista e unha lóxica afastada dos tempos que corren.

Recentemente, Macías estreouse tamén como escritor, co libro Do Quiqui Bar... ao Castromil. Esta semana fixo ás primeiras presentacións no bar Muelle, coa canción Santiago, do artista Fran Pérez Narf, de fondo. Xa na praza de Galicia comezou a falar, máis que dun edificio, de toda unha época. Dos grupos de jazz que, na segunda década do vinte, facían parada en Barcelona e en Santiago. «Descobres cen anos despois que os vinte en Santiago foron interesantes». Recolle desa historia case esquecida a figura do arquitecto que deseñou aquel Quiqui Bar, logo edificio Castromil, o coruñés Ramón González Villar. Da súa mente naceu a gardería de Santa Susana, que nos vinte acolleu un cine ao aire libre e numerosos concertos. González Villar fuxiría de Galicia a causa da Guerra Civil.

Con máis presentación na mente o editor, escritor, agricultor, non deixa de traballar noutros proxectos. Un deles, o CultRural, para recuperar «o Santiago labrego e gandeiro». Que Compostela é a maior aldea de Europa, como dicía Otero Pedrayo, é unha realidade para Macías. «Nos setenta as vacas, as cabras ou os carros pasaban pola cidade». Durante unhas xornadas que se levarán a cabo no outono quere poñer en valor tres produtos da comarca compostelá: a cabra, o tomate negro e o grelo de Santiago. «Se sumas a tarta de Santiago xa tes un menú completo e local». «Hai que recuperar que a xente viva a través do campo», conclúe. «Hai cidades que xa o están facendo».

Escritor. Prepara máis presentacións do seu libro, que ilustra con planos e fotografías do edificio Castromil.

Editor. Forma parte da asociación Compostela Literaria, que organiza este 25 de xullo a Romaría Literaria na praza de Mazarelos, e que inclúe obradoiros, actividades e postos de venda de libros.